Iniciase na Veiga un proceso de imaxinación e participación comunitaria chamada “Tocar Ao Concello”— TAC—. Tratase dunha iniciativa posta en marcha pola Corporación internacional Otra Escuela, xunto ás cooperativas galegas Feitoría Verde e Outonía e financiada pola Fundación LaCaixa e a Deputación de Ourense, contando co apoio do Concello da Veiga.
A iniciativa ten unha duración dun ano e estruturáse arredor de varias propostas. O obxectivo principal responde á procura e recompilación do patrimonio material e inmaterial deste territorio —lendas, recursos, roteiros, microtoponimia, etc.—. Ademais, constrúese dende unha metodoloxía participativa, situando o punto de partida na creación e fortalecemento dun Grupo Motor (GM), composto pola veciñanza local e apoiado polo equipo promotor que prestará acompañamento técnico.
Dende o GM, promoverase unha investigación autónoma arredor do obxecto de estudo, onde se definirá o desenvolvemento e horizonte do proxecto. Os recursos e iniciativas recollidos, volcaranse nun mapa, que axude á promoción e dinamización do territorio. Este será realizado pola ilustradora da mesma comarca, Eva Piay.
De xeito paralelo a este proceso, ponse en funcionamento unha Oficina de Asesoramento ambulante (OA) avogando pola descentralización e a posibilidade de mobilizarse para chegar ás necesidades veciñais. A Oficina ofrece apoio e acompañamento a toda aquela persoa que desexe iniciar un proxecto no municipio, así coma recursos e ferramentas para a promoción de iniciativas xa consolidadas.
O proxecto finalizará cun Festival Art - Part, un encontro interdisciplinar organizado pola veciñanza, onde se presentará o Mapa de recursos, así coma outros procesos e resultados. O sábado, 26 de marzo, comeza a camiñar o GM, nunha sesión de presentación das entidades promotoras e de traballo conxunto destinada ao fortalecemento do grupo.