sábado. 20.04.2024
María Albert en las obras del puente de Xares, al lado iglesia

Dende o grupo nacionalista afirman que esta infraestructura está nunha zona de protección integral

O BNG ven de denunciar a construcción da nova ponte sobre o Río Xares que une a aldea homónima ca súa igrexa, nun proxecto feito pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil tras un convenio a tres bandas entre a propia Confederación, Deputación de Ourense e o Concello da Veiga.

Dende o grupo nacionalista afirman que a capela xunto a súa contorna están catalogadas como "de protección integral cautela G-II" no xacemento arqueolóximo "A Eirexa", lugar no que segundo destacan dende o partido chegáronse a encontrar pezas de cerámica.

Esta, sen embargo, non é a única cuestión que o bloque elevan á Xunta de Galicia en relación con este proxecto, xa que entre outras cousas piden saber se as obras están acorde co proxecto inicial ou ten modificacións, contan co permiso da Dirección Xeral de Conservación da Natureza ou se Patrimonio fai un seguemento da construcción entre outas dúbidas que plantexan.

A parlamentaria Maria G. Albert destaca que sen entrar a valorar a necesidade dun novo paso para vehículos sobre o Xares a escasos metros do que xa existe, “a solución escollida semella ter unha enorme afección sobre o patrimonio e a contorna natural” sobre todo se se ten en conta que “o que en principio se pretendía era substituír o pontón peonil preexistente na zona”.

Agora esta infraestructura é substituída por unha ponte de moita máis dimensión tanto en lonxitude como en anchura que segundo din dende o BNG, supuxo xa o destrozo do muro perimetral que acolle o adro da propia igrexa.

Lembra Albert que a lei 5/2016, do 4 de Maio, do Patrimonio Cultural de Galiza, ten por obxectivo fundamental a protección do patrimonio; principio básico que este “Proxecto de Acondicionamento e Mellora da conectividade das marxes do río Xares ao seu paso polos núcleos de Xares, Ponte e Baños na Veiga” non semella cumprir.

Así as actuacións definitivas consisten na realización de 4 obras que afectan a distintos elementos patrimoniais -até un total de 10 incluíndo edificios relixiosos, núcleos de interese etnográfico, castros, mámoas e rectorais.

«De todos eles o máis afectado sen dúbida é o xacemento arqueolóxico da “Eirexa” en cuxa contorna se teñen atopado pedazos de cerámica medieval e restos de tellas da mesma épica e que conserva nun dos seus muros unha inscrición facendo referencia á fundación da primitiva igrexa en 1160» subliñan os nacionalistas.

Eles recordan así mesmo que. «Todas as alarmas saltaron co inicio destas obras depois de que a primeira empresa adxudicataria renunciase ás mesmas por imposibilidade técnica de levalas a cabo e se fixese un modificado que derivou nunha nova licitación. Na contorna desa igrexa a empresa adxudicataria da obra levantou uns piares de formigón e unha estrutura do mesmo material para dar corpo a unha ponte que substituirá e ampliará de xeito considerábel o pontón existente até este momento até desembocar directamente no adro do templo co evidente impacto patrimonial que isto supón».

Por último reclaman á Xunta de Galicia que tome as medidas pertinentes para que as obras de execución do proxecto de acondicionamento e mellora da conectividade das marxes do río Xares ao seu paso polos núcleos de Xares, Ponte e Baños na Veiga se axusten á lexislación vixente en materia patrimonial e ambiental, en caso de non ser así, impoñer as sancións pertinentes.

O BNG denuncia a execución da nova ponte de Xares (A Veiga)