viernes. 29.03.2024

Máis de vinte persoas participaron o sábado 27 de outubro nunha charla explicativa sobre as características macroscópicas dos cogomelos, celebrada no concello da Veiga. A actividade que comezou as 10:00 horas, incluíu a saída ao campo en busca dos cogomelos, identificación e clasificación de especies. Os participantes dividíronse en tres grupos, cada un deles encabezado por un esperto coñecedor dos cogomelos, que se repartiron por diferentes zonas dos montes da Veiga e cuxa recolección foi moi interesante e produtiva, segundo os organizadores.

Alejandro Mínguez —divulgador micolóxico e encargado de impartir a charla informativa— subliñou a este medio: «A tempada que principiou con certo retraso pola seca do verán, comeza a coller forma coa aparición de gran cantidade de Macrolepiota procera e Agaricus campestre. Empezan a saír tamén Boletus do grupo edulis e outras especies de valor gastronómico, pero tamén cogomelos tóxicos como Paxillus involutus ou a temida Amanita Phalloides». Os divulgadores micolóxicos, participantes na xornada, recalcan a necesidade dunha formación botánica para saír ao campo e prudencia, sobre todo nunha semana na que se coñeceu o primeiro ingreso hospitalario en Ourense por posible intoxicación tras consumo de cogomelos.

A esta acción seguirán outras no mes de novembro coma o cociñado dos cogomelos, cultivo ou hábitat. Participaron membros da familia Mínguez ligada ao mundo dos cogomelos de Celanova.

Pero non só foi esta actividade a que se levou acabo na Veiga esta fin de semana, baixo o título «Paisaxes de montaña e actividades económicas» o municipio acolleu, dos 26 ao 28 de outubro, un seminario para analizar as actividades económicas que se poden desenvolver nas paisaxes de montaña sen comprometer os seus valores e calidades.

Os asistentes ao seminario puideron escoitar a expertos na materia, desfrutar de visitas ao campo para observar sobre o terreo as cuestións tratadas, e tamén tomar parte no debate e obradoiro, co fin de facer propostas futuras que redunden na dinamización do rural en base á paisaxe.

O Concello da Veiga pola súa banda, concederá este ano un premio ao mellor proxecto empresarial que xurda no seminario e que se pretenda desenvolver neste municipio. Coa Fundación Juana de Vega coma apoio, das propostas que xurdan ao longo do seminario farase unha selección para que vaian á primeira fase dun programa de emprendemento que desenvolve esta fundación. En caso de que o proxecto pasase á segunda fase, o Concello da Veiga sufragaría os gastos de inscrición e desprazamento da persoa premiada para a realización da fase II do programa, coa condición de que esa iniciativa empresarial se implante na Veiga en 2019.

Cogumelos e paisaxe protagonistas esta fin de semana na Veiga