O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, mantivo un encontro en Ourense co alcalde da Veiga, Juan Anta, co obxectivo de afondar na colaboración entre a Xunta de Galicia e o concello ourensán para atraer perfís laborais cualificados e facilitar a cobertura de vacantes.
Durante a reunión, o conselleiro destacou que o Goberno galego conta cunha ampla batería de medidas que combinan, por unha banda, a atracción planificada de talento do exterior, e, por outra, a formación e retención do talento interno.
No ámbito da captación de talento exterior —que inclúe tanto ás persoas galegas retornadas como a traballadores de terceiros países—, González anunciou o lanzamento en 2026 dun programa de axudas á rehabilitación de vivendas, dotado con 1,5 millóns de euros, destinadas ás persoas contratadas no marco deste plan.
En canto ás medidas de formación e inserción laboral no territorio, abordáronse iniciativas como Aprol Rural, da que A Veiga é un dos 96 concellos ourensáns beneficiados, facendo da provincia de Ourense a máis favorecida neste programa. Este proxecto, centrado na contratación de persoas desempregadas para tarefas de prevención de incendios forestais, reforzarase o vindeiro ano cun incremento de máis de 6 millóns de euros, ata acadar os 20 millóns de investimento total, e coa novidade da creación de axudas para contratar coordinadores municipais de prevención.
Así mesmo, no encontro destacouse o papel dos obradoiros de emprego, que reforzarán a súa orientación práctica para mellorar a empregabilidade das persoas participantes. A metade do orzamento destes programas destinarase á formación na familia agraria, impulsando a profesionalización e o relevo xeracional no sector.


