sábado. 23.05.2026
A Fragua do Celestino, en Prada (A Veiga)

«O ferro hai que machacalo cando está quente»: a memoria viva dunha fragua que marcou xeracións

Francisco abre as portas do taller familiar para lembrar o oficio do seu pai, o ferreiro Celestino, nun percorrido cargado de emoción, ferramentas e historias dunha vida de traballo

Entrar na vella fragua é entrar nun anaco da memoria de Valdeorras. O cheiro do ferro, o carbón, as ferramentas gastadas polo uso e o eco das mazas golpeando sobre o ferro seguen vivos nas palabras de Francisco, que conserva intacto o taller onde o seu pai, Celestino, traballou durante décadas como ferreiro.

«Aquí pasei case media vida co meu pai machacando ferro a base de maza e martelo», conta mentres percorre cada recuncho da fragua, deténdose en cada ferramenta como quen abre unha caixa de recordos. Ao seu lado aínda permanecen o vello martelo, o fuelle, a carbonera ou as arrellas dos arados que fabricaban e reparaban para os veciños da zona.

somoscomarca_prada_afraguadocelestino (2)

Francisco explica con detalle como traballaban o ferro quente, unha tarefa dura que esixía precisión e experiencia. «O ferro sempre hai que machacalo cando está quente, pero sen queimarlo, porque senón estrágase», lembra. Mentres fala, vai mostrando pezas que formaban parte da vida cotiá do rural: aixadas, fouces, arcos, ferramentas para o carro, útiles para as vacas ou incluso moldes para facer potas de caldo. Todo saía daquelas mans curtidas polo lume e o esforzo.

A fragua era tamén un punto de encontro e unha peza fundamental da economía tradicional. «Facíamos todo tipo de ferro», resume Francisco, consciente de que as novas xeracións dificilmente imaxinan unha época na que case todo se fabricaba artesanalmente. «Agora imos aos chinos e temos de todo, pero antes a vida era ben distinta», reflexiona.

somoscomarca_prada_afraguadocelestino (5)

Entre os recordos máis intensos aparece a figura do seu pai, Celestino, ao que define como «unha fora de serie» e «moi traballador». O oficio aprendíase desde pequeno. Francisco lembra como, sendo apenas un rapaz, xa accionaba o fuelle mentres o seu pai quentaba o ferro para moldealo. «Era un traballo forte», admite.

A vida acabou levando a Francisco cara ás canteiras de pizarra, onde traballou máis de corenta anos conducindo maquinaria pesada, pero a fragua nunca desapareceu da súa memoria. El e os seus irmáns decidiron conservala tal e como estaba para manter viva a lembranza do seu pai e dun oficio que marcou toda unha época. «Hai que seguir recordando aquelo que foi», di con emoción.

somoscomarca_prada_afraguadocelestino (1)

Ao longo da conversa van aparecendo pezas que hoxe semellan auténticas reliquias: cadeas feitas á man, xugos, ferramentas para prender o gando ou os “xambariles” para colgar os porcos. Obxectos que falan dunha forma de vida ligada ao campo, ao esforzo e á autosuficiencia.

A entrevista remata cun agradecemento mutuo, pero tamén cunha sensación clara: a de estar diante dun pequeno museo da memoria popular. Un espazo humilde onde cada ferramenta conta unha historia e onde a figura do ferreiro segue viva entre o ferro, o carbón e os recordos.

Porque ás veces conservar unha fragua é tamén conservar a alma dun pobo.

Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado

«O ferro hai que machacalo cando está quente»: a memoria viva dunha fragua que marcou...