O Centro Astronómico de Trevinca-Valdín, na Veiga, acolleu as xornadas de divulgación nos destinos Starlight «Galicia, porta de entrada da eclipse», unha iniciativa coa que Turismo de Galicia quere preparar o territorio ante a eclipse total de sol do 12 de agosto de 2026 e, ao mesmo tempo, reforzar o posicionamento de Galicia como destino de astroturismo.
A presentación oficial contou coa participación do alcalde da Veiga, Juan Anta; a xerente do Inorde, Emma González; o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal; o xefe provincial da área de Turismo de Ourense, Cecilio Santalices; e a directora de Promoción Turística de Galicia, Carmen Pita.
O alcalde da Veiga, Juan Anta, agradeceu á Xunta de Galicia, ao Inorde e ao Clúster de Turismo a elección do municipio para acoller estas xornadas e lembrou que A Veiga leva anos traballando para consolidarse como referente no turismo astronómico.
«O primeiro paso para facer algo é crer niso», afirmou Anta, lembrando que cando se apostou polo Centro Astronómico de Trevinca moitos consideraban aquela iniciativa «unha loucura». O tempo, sinalou, acabou demostrando que aquela aposta podía abrir novas oportunidades para o municipio e para toda a comarca.
Neste sentido, o rexedor destacou que a eclipse xa está a xerar interese internacional. Segundo explicou, a hostalería da zona comeza a rexistrar reservas e solicitudes procedentes de países como Holanda, Bélxica ou Alemaña. «Ábrese unha ventá que temos que saber aproveitar», indicou.
Cecilio Santalices subliñou que o fenómeno astronómico será un fito puntual, pero tamén unha oportunidade para seguir dando a coñecer o turismo de interior. «Temos esa oportunidade da eclipse, pero iso vai durar uns días. O importante é seguir promocionando este territorio para que veña máis xente», sinalou.
A xerente do Inorde, Emma González, puxo o acento na importancia de entender a eclipse como unha campaña de promoción internacional e como unha oportunidade para consolidar o astroturismo como produto turístico de referencia. «As imaxes que van chegar de Galicia serán das primeiras de Europa da eclipse, e iso vainos posicionar», destacou. González incidiu tamén na necesidade de que este fenómeno non quede nunha visita dun só día, senón que sirva para que quen chegue a Ourense e a Galicia queira volver.
Nesa mesma liña, o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo González Pardal, defendeu a colaboración público-privada como clave para aproveitar este momento. «Recibimos turistas, pero despedimos familia», afirmou, poñendo en valor a hospitalidade galega como un dos grandes atractivos do destino.
A xornada contou tamén cunha mesa redonda sobre «Astronomía básica dunha eclipse e observación segura» e coa conferencia «Fotografía da Eclipse». Nela participaron, ademais do moderador Óscar Blanco, o alcalde, Juan Anta; o astrofísico e divulgador Borja Tosar; a xerente do Inorde, Emma González; Cecilio Santalices; o capitán xefe do Subsector de Tráfico de Ourense, Javier Barja; Eduardo Martín Pita, xerente da casa rural Eido das Estrelas; e Marta Vila Comesaña, técnica de Turismo da Veiga.
Un dos aspectos centrais da mesa foi a seguridade. Falouse da necesidade de planificar accesos, aparcadoiros, puntos de observación e medidas de tráfico para evitar problemas nunha xornada na que se agarda unha importante afluencia de visitantes.
O capitán Javier Barja advertiu da importancia de non improvisar. «A xente ten que saber onde pode ver a eclipse, onde pode aparcar e que zonas deben descartarse ou mesmo pecharse ao tráfico», sinalouse durante o coloquio. Tamén se insistiu en que o regreso, unha vez finalizado o fenómeno, será un dos momentos máis delicados pola concentración de desprazamentos.
A divulgación foi outro dos grandes eixes da xornada. Borja Tosar lembrou que unha eclipse total de sol é un fenómeno excepcional, difícil de comparar con calquera outro acontecemento natural. «É un fenómeno sobrecolledor, algo que queda na memoria para toda a vida», explicou, ao tempo que pediu facer un esforzo comunicativo para transmitir á cidadanía tanto a importancia do acontecemento como as normas básicas para observalo con seguridade.
Entre esas recomendacións destacouse a necesidade de utilizar sempre protección homologada para mirar ao sol, agás nos breves instantes de totalidade, e de evitar comportamentos perigosos tanto durante a observación como nos desprazamentos.
As xornadas tamén serviron para poñer en valor o traballo realizado nos últimos anos na Veiga arredor do ceo nocturno. O Centro Astronómico de Trevinca, a certificación Starlight, a presenza de empresas especializadas, os aloxamentos rurais vinculados á observación astronómica e a existencia de máis dun cento de telescopios instalados na contorna consolidan a zona como un destino singular.
«Podemos ter infraestruturas, un lugar idílico, certificación Starlight ou unha bandeira azul, pero o imprescindible é que cada un de vós sexa embaixador deste sitio», concluíu Juan Anta.
A eclipse do 12 de agosto de 2026 será un acontecemento astronómico único, pero na Veiga queren que sexa tamén algo máis: unha porta aberta ao futuro, unha oportunidade para o turismo sostible e unha ocasión para que Valdeorras mire ao ceo e se dea a coñecer ao mundo.



