As montañas galegas —e en concreto o cumio máis alto de Galicia, Pena Trevinca— festexaron esta pasada fin de semana o seu Día. Foi cunha programación especial de actividades organizadas polo Concello da Veiga e polo clube Montañas de Trevinca. «Esta fin de semana puxéronse en valor as montañas galegas co símbolo de Pena Trevinca. Tivemos unha acollida excelente».
Así valoraba o presidente do clube, Cholo Fernández, o que foron estes días 15 e 16 de xuño na Veiga. «Saíu moito mellor do que podíamos esperar, todos botáronnos moitos piropos, e eu creo que merecidos. Tentamos así posicionar, a nivel Galicia e tamén a nivel España, as nosas montañas e valorar que nelas é onde está a vida».
Un total de 36 persoas participaron na ascensión do domingo ao cumio, acompañadas por Sebastián Álvaro, e case 50 fixéronno no total das actividades. «Nesa actividade participaron tamén o actual presidente da Federación Galega de Montañismo, Alejandro López; e a anterior presidenta, Fina Maestu».
Reflexionaba ademais Cholo Fernández sobre a importancia e o «tesouro» que supón a auga en Galicia. «Ás veces a choiva dá pereza, pero temos sorte cos nosos mares que nos bañan e tamén co frescor, a vexetación... Todo iso é vida, como tamén o é a neve, os orballos e as néboas».
Pode escoitar a entrevista completa neste enlace de audio: