lunes. 16.06.2025

A Xunta inicia esta semana novos traballos de limpeza e desbroce na Rúa

As tarefas que se desenvolverán son a roza e limpeza nas marxes da estrada autonómica
somoscomarca_arua_carretera_n602_2023
somoscomarca_arua_carretera_n602_2023

 A Xunta iniciará esta semana novos traballos de roza e limpeza nas marxes de dúas estradas autonómicas ao paso polos concellos ourensáns da Rúa e de Ribadavia.

Estas tarefas desenvolveranse, concretamente, nas estradas OU-602 na Rúa e na OU-403, entre Ribadavia e Ponte Castrelo.

A próxima semana seguirán noutra estrada de Valdeorras tarefas de roza e limpeza en execución nas marxes, concretamente na OU-121 no Barco de Valdeorras; tamén na OU-320, en Sandiás e en Allariz.

Control de biomasa

O Goberno galego acomete estas actuacións no marco do contrato coa empresa pública Seaga, por importe de máis de 2,2 millóns de euros, para o control da biomasa das marxes das estradas de titularidade autonómica para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

Estas novas accións de conservación nas vías de titularidade da Xunta permitirán, nesta nova encomenda, a roza mecánica de máis de 2.600 quilómetros lineais e actuar nunha superficie de máis de 188.500 metros cadrados de xeito manual.

Como novidade nesta nova encomenda, prevese a reposición de 7.500 metros de valado en vías de alta capacidade que se poida danar nos labores de despexe ou roza. A reposición realizarase con valado reforzado para aumentar a protección da estrada fronte á entrada de animais.

Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 lévanse investidos 8,3 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.

A Xunta inicia esta semana novos traballos de limpeza e desbroce na Rúa