O incendio forestal que arrasou Valdeorras o pasado verán volveu ao centro do debate, desta vez desde a reflexión e o coñecemento. A Fundación Florencio Delgado Gurriarán abriu na Rúa as súas Xornadas Culturais 2026 cunha sesión centrada na análise do lume e na vivencia da comunidade, reunindo a máis de oitenta persoas durante máis de tres horas no Cine Cultural Avenida.
Baixo o título O que ardeu. Autopsia do lume e vivencia da comunidade, expertos científicos, profesionais da extinción e veciñanza puxeron en común datos, experiencias e propostas nun encontro que deixou unha mensaxe clara: o escenario cambiou e cómpre adaptarse.
Un solo que tarda un século en recuperarse
O biólogo e investigador do CSIC Serafín González Prieto foi o encargado de abrir a xornada contextualizando o impacto dos incendios forestais. Entre os datos que puxo sobre a mesa destacou a gravidade da perda de solo fértil.
«Cada centímetro de solo fértil perdido tarda un século en recuperarse», advertiu, subliñando que este é un dos efectos máis invisibles pero tamén máis duradeiros dos grandes lumes.
González tamén incidiu na dimensión ambiental e sanitaria do problema, lembrando que só no ano 2025 os incendios xeraron en España «19 millóns de toneladas de CO₂ pola combustión forestal».
Máis lumes extremos e operativos ao límite
Pola súa banda, o xefe do Distrito Forestal XIII Valdeorras-Trives, Ángel Fouces, explicou o funcionamento dos operativos de extinción e puxo cifras ao incremento da gravidade das campañas.
Segundo detallou, na última campaña rexistráronse «104 lumes de nivel 2», é dicir, con risco grave para bens non forestais, unha cifra moi superior á de anos anteriores. «No 2022 foran 21», lembrou, evidenciando a evolución preocupante do fenómeno.
«A experiencia do pasado xa non serve»
Un dos momentos centrais da xornada chegou coa intervención do bombeiro forestal Manuel Martínez, quen realizou unha análise detallada do incendio do Larouco de 2025.
A través de datos, imaxes e explicacións técnicas, reconstruíu un episodio que deixou máis de 40.000 hectáreas queimadas, centos de desaloxos e vivendas afectadas.
Martínez foi contundente ao explicar as dificultades da intervención: «As condicións atmosféricas e a simultaneidade dos lumes fixeron moi complicada a actuación», sinalou, advertindo do risco real que existiu de que o incendio de Valdeorras se unise cos de Oímbra, Chandrexa ou incluso O Bierzo.
Pero a súa reflexión máis relevante foi de fondo: «O cambio climático vai provocar cada vez máis eventos extremos como este e a experiencia acumulada do pasado xa non serve; estes lumes son diferentes e temos que actuar diferente».
Prepararse para convivir co risco
A mesa de expertos pechouna o enxeñeiro forestal Xabier Bruña, quen puxo o foco na necesidade de preparación das comunidades.
Bruña defendeu a importancia da auto-protección e da planificación local, instando a concellos e veciñanza a organizarse con antelación. «Hai que actuar canto antes, ofrecer información, formación e crear grupos de traballo coa veciñanza», sinalou.
Ademais, destacou as oportunidades que ten Valdeorras para reorientar o uso do monte: «O 50% da superficie forestal de Valdeorras é monte comunal; iso son só 91 propietarios, hai que traballar con esas comunidades».
Entre as propostas, apuntou á creación de faixas de protección, cultivos descontinuos e mesmo iniciativas como escolas de pastores ou rabaños municipais, que considerou «moito menos custosos que as limpezas preventivas e útiles para fixar poboación».
A memoria da veciñanza
Tras a análise técnica, a xornada deu paso á experiencia directa coa intervención de veciños, responsables de montes, profesionais e representantes institucionais.
Nun coloquio moderado pola psicóloga Valentina Berenguer, puxéronse en común vivencias moi diversas, pero cun denominador común: a forte pegada emocional que deixou o incendio.
Os participantes coincidiron tamén en recoñecer o traballo dos servizos de extinción, así como a necesidade de estar mellor preparados ante situacións que, segundo todo apunta, serán cada vez máis frecuentes.
Tres xornadas para repensar o monte
Esta primeira sesión abre un programa máis amplo impulsado pola Fundación Florencio Delgado Gurriarán arredor do monte en Valdeorras.
A seguinte cita será o 9 de maio no Teatro Lauro Olmo do Barco, centrada na recuperación de chans e nos usos produtivos do monte baixo o título O que agroma. Recuperación e actividade económica.
As xornadas pecharanse o 13 de xuño en Larouco con Somos monte. Patrimonio cultural, social e natural, unha sesión que abordará a posta en valor do territorio e as iniciativas educativas vinculadas á natureza.
