jueves. 04.06.2026

O goberno da Rúa levará a pleno a adhesión a un fondo estatal de un millón de euros para pagar provedores

BNG, PSdeG-PSOE e R.U.A. votarán a favor nun pleno extraordinario convocado con urxencia antes de que remate o prazo estatal
somoscomaca_arua_plenoordinario (1)
O goberno da Rúa levará a pleno a adhesión a un fondo estatal de un millón de euros para pagar provedores

O Concello da Rúa celebrará este xoves un pleno extraordinario no que o equipo de goberno, formado por BNG, PSdeG-PSOE e R.U.A., defenderá a adhesión voluntaria a un mecanismo estatal que permitiría ao municipio acceder a un millón de euros destinados ao pago de provedores.

A alcaldesa, María González Albert, explicou nos micrófonos de Radio Valdeorras Onda Cero que a sesión foi convocada con carácter urxente debido a que o prazo para solicitar a incorporación a este programa remata este venres.

Segundo detallou, o asunto foi previamente abordado nunha comisión informativa celebrada este mércores, onde a proposta recibiu o respaldo dos grupos que integran o goberno municipal.

«Foi ditaminada favorablemente cos votos do grupo de goberno e mañá teremos un pleno extraordinario porque o prazo remata xa este venres», sinalou.

Unha oportunidade para sanear as contas

A rexedora lembrou que hai catro anos o Concello da Rúa foi obrigado a incorporarse a un plan de axuste impulsado polo Ministerio de Facenda. Naquel momento, segundo explicou, a administración estatal contabilizaba arredor de 1,5 millóns de euros en facturas pendentes, mentres que o Concello recoñecía menos de 200.000 euros.

González Albert considera que daquela non se aproveitou totalmente unha oportunidade que agora volve presentarse en condicións moi favorables.

«Levamos catro anos dicindo que foi unha mágoa non acollerse ao cen por cen do que ofrecía o Ministerio, porque son unhas condicións crediticias inigualables que permiten sanear as contas municipais e garantir o pago aos provedores», afirmou.

Adhesión voluntaria

A diferenza do sucedido no anterior mandato, nesta ocasión a incorporación ao mecanismo estatal sería voluntaria. A alcaldesa subliñou que a situación económica do Concello é actualmente positiva e que non existe ningunha obriga de adherirse ao programa.

«As contas do Concello están dando ben, temos un remanente positivo e non estamos obrigados a entrar. Pero parécenos unha oportunidade moi interesante para seguir mellorando a situación financeira municipal», explicou.

De ser aceptada a solicitude, o Concello podería acceder a preto dun millón de euros, unha cantidade inferior á contemplada hai catro anos pero que permitiría afrontar con maior comodidade o pago a provedores e reforzar a liquidez municipal.

Unha entrevista marcada pola actualidade local

Durante a entrevista en Radio Valdeorras, a alcaldesa tamén abordou outras cuestións de actualidade municipal como a campaña de desbroces, os actos vandálicos rexistrados en zonas verdes e mobiliario urbano, ou a intensa actividade deportiva desenvolvida na localidade durante a pasada fin de semana.

Neste sentido, destacou o éxito do Gran Premio de Montaña da Rúa, que celebrou a súa décima edición, así como a competición galega de tiro con arco de campo e a xornada de orientación escolar que reunirá esta semana a máis de 250 rapaces e rapazas na contorna do Aguillón.

«Temos unha tradición deportiva moi importante e cada vez son máis as persoas que nos visitan para participar nestas probas, algo que tamén contribúe a dar a coñecer o noso concello», concluíu.

O goberno da Rúa levará a pleno a adhesión a un fondo estatal de un millón de euros...