Hai plenos que duran horas e deixan pouco. E hai plenos que duran media hora e, sen levantar demasiado a voz, retratan o momento que vive un concello.
A sesión apenas superou os trinta minutos, algo pouco común nun salón de plenos acostumado a estirarse máis alá da hora e media. Non houbo grandes debates nin enfrontamentos prolongados. O PP volveu optar por non votar en contra e concentrou a sesión nos rogos e preguntas sobre servizos, obras e mantemento
A acta anterior aprobouse sen máis historia, aínda que o PP decidiu absterse ao considerar que non recibira as «aclaracións oportunas» e que as intervencións non quedaban recollidas coa profundidade suficiente.
Esa mesma posición repetiríana no recoñecemento extraxudicial de créditos de 2026, un trámite destinado a regularizar facturas pendentes. O ton foi contido. Desde a oposición deixouse constancia de dúbidas sobre a xestión, pero tamén se admitiu que os provedores non deben verse prexudicados. No medio, o portavoz de R.U.A., José Vicente Solarat, resumiu o sentir do momento cunha frase breve: «agradecer a paciencia dos acreedores».
Tamén quedou aprobado, novamente coa abstención do PP, o expediente relacionado coa contratación do Servizo de Axuda no Fogar. A alcaldesa, María González Albert, explicou que o procedemento se retrotraía por un «defecto de forma» na publicación e manifestou o desexo de «a ver se somos capaces de que entre en marcha».
No debate saíron datos significativos: actualmente estanse prestando arredor de 32.508 horas anuais de servizo, con 61 persoas usuarias activas e 77 en lista de espera. A rexedora subliñou que se trata dun servizo moi demandado, que supón custo para o Concello, xa que a achega doutras administracións non cobre o gasto real por hora.
A alcaldesa puxo o foco onde doe: é un servizo moi demandado e ten déficit municipal, porque a administración autonómica paga por hora unha contía que non cobre o custo real. E, con todo, o Concello pide máis horas porque a demanda apreta. En resumo: é caro, non é competencia «cómoda»”, pero é imprescindible.
O SAF queda retratado como o gran tema social do mandato. E politicamente é unha trampa perfecta: Se non se amplía, hai xente esperando; se se amplía, aumenta o déficit; e se o contrato se atranca por recursos, o problema multiplícase.
Rogos e preguntas: dez minutos, moitos temas e un PP saltando de rúa en rúa
O apartado de rogos e preguntas foi máis curto do habitual, pero percorreu media vila. As árbores que precisan poda, especialmente na rúa Doutor Vila; a frondosidade que se achega ás luces e ás fachadas; a polémica sobre o peche da rúa e mesmo as luces de Nadal nesa rúa que, segundo indicou Alvaro Fernández, continúan instaladas.
O paseo continuou por Benito Fernández, onde se mencionaron desaugadoiros sen substituír e baldosas levantadas; pola Circunvalación, con fochancas que aínda esperan reparación definitiva; pola «zona do Bar Sport e a casa do Celín», onde se pediu máis aglomerado; e por Fontei, cos colectores e os problemas de recollida.
Nas respostas, o goberno foi debullando explicacións: actuacións que se fan «pouco a pouco», limitacións orzamentarias, subvencións dos incendios que non cubriron todos os danos estimados —de case 680.000 euros solicitados concedéronse arredor de 265.000— e partidas que se executan por anualidades. Tamén se apuntou a un poste de Telefónica que dificulta o paso do camión do lixo en Fontei e a obrigas contractuais de limpeza de colectores que non sempre se cumpren coa regularidade desexada.
Houbo tempo incluso para a Festa do Codillo e para a pregunta sobre os 677 euros destinados á impresión de 1.200 entradas, un detalle que abriu outro pequeno debate sobre custos e organización.
Non foi un pleno de grandes titulares nin de discursos inflamados. Foi máis ben un pleno de xestión diaria, de rúas concretas, de nomes propios de barrios e de números que pesan máis polo que significan que polo que suman.
Quizais esa foi a imaxe que deixou a sesión, menos confrontación explícita e máis acumulación de asuntos cotiáns. A política municipal, ás veces, non soa a grandes declaracións, senón a baldosas, a colectores, a árbores e a listas de espera.
A imaxe que deixou foi a dun goberno que sacou adiante os puntos previstos e dunha oposición que, sen bloquear acordos, mantivo unha actividade constante na quenda de control, insistindo en asuntos de mantemento e xestión diaria.
