O Concello da Rúa aprobou por unanimidade a súa adhesión á rede de concellos contra o acoso escolar durante o pleno extraordinario celebrado na mañá do 24 de marzo, no único punto que xerou o consenso entre todos os grupos da corporación.
A iniciativa busca reforzar a implicación das administracións locais na prevención e loita contra o acoso, promovendo o traballo conxunto con centros educativos, familias e organismos para detectar e actuar ante este tipo de situacións.
No pleno extraordinario saíron adiante todos os puntos da orde do día cos votos a favor do equipo de goberno, integrado por BNG, PSdeG-PSOE e R.U.A., mentres que o Partido Popular optou pola abstención en todos eles agás no punto relativo á adhesión á rede de concellos contra o acoso escolar, que foi aprobado por unanimidade.
A sesión arrincou cun ton institucional e de respecto. A alcaldesa, María González Albert, quixo deixar constancia do «acompañamento de toda a Corporación Municipal» á concelleira popular Susana de la Cruz, ausente do pleno tras o falecemento do seu marido esta fin de semana. Un xesto compartido pola corporación antes de entrar no contido da orde do día.
A continuación, a propia rexedora recoñeceu que, visto o contexto, «igual tería sido mellor convocalo urxente», en alusión á coincidencia do pleno coa viaxe institucional a Almendralejo, na que participan varios edís para promocionar o concello e os seus viños. Esa reflexión deu pé ao principal debate político da mañá.
Dende o Partido Popular criticouse tanto o horario como a forma de convocatoria, insistindo en que non é a primeira vez que se fixa un pleno pola mañá dificultando a asistencia de concelleiros que traballan ou que se atopan en actos institucionais. O portavoz popular defendeu que o seu grupo non se opón ao funcionamento municipal nin a que o goberno saque adiante os seus asuntos, pero si considera que este tipo de convocatorias xeran unha situación «inxusta» e pediu que se teña en conta en futuras ocasións para facilitar a participación de todos os edís. Isto foi o único que se debatiu a pesares de haber 6 puntos na orde do día.
A alcaldesa, pola súa banda, respondeu que compartía en parte esa incomodidade polo horario, aínda que lembrou que a convocatoria se realizou conforme aos prazos marcados e defendeu o desenvolvemento do pleno dentro da normalidade institucional.
En canto ao contido da sesión, o primeiro punto aprobado foi o convenio co Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia e a CIUG para a celebración na Rúa das Probas de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade de 2026. O acordo contempla unha previsión de gasto de 21.875,04 euros, aínda que dende o goberno local se explicou que o custo real do pasado ano estivo algo por riba dos 14.000 euros.
Un dos asuntos de maior peso foi o convenio coa Deputación de Ourense para cofinanciar os investimentos correspondentes ao Plan de Actuación Integrado «Valdeorras polos camiños do Sil», dentro do marco dos fondos FEDER. Neste caso, á Rúa corresponderíalle achegar 194.413,41 euros en catro anualidades.
Durante o debate deste punto, a alcaldesa detallou algunhas das actuacións previstas para o municipio, entre elas unha rede de estacións de bicicletas eléctricas conectada con outros concellos do Camiño de Santiago na comarca; un investimento de 255.000 euros en creación e mellora de vivenda pública; actuacións de mellora de espazos públicos en Roblido, San Xulián e Somoza; preto de 150.000 euros para rehabilitación enerxética de edificios públicos; e outros 200.000 euros para a mellora do parque infantil do Aguillón.
Segundo explicou, o conxunto dos investimentos vinculados a este programa podería situarse arredor do millón de euros para a Rúa, se se ten en conta tamén a parte destinada á revitalización do comercio local que repercutirá especialmente no Barco e na Rúa. O PP mantivo a súa abstención, argumentando que non quere frear a chegada de fondos nin as actuacións previstas, aínda que si quixo deixar constancia das súas discrepancias coa forma na que se xestionan este tipo de asuntos.
Tamén saíu adiante a renovación da delegación na Deputación Provincial das facultades de recadación, tanto en período voluntario como executivo, para as multas por infraccións de tráfico. Trátase, segundo se explicou, dunha adaptación do convenio ao novo procedemento regulado pola normativa estatal de tráfico e seguridade viaria.
O cuarto punto, relativo á sinatura do convenio de adhesión á rede de concellos contra o acoso escolar, foi o único que acadou unanimidade. Neste caso, púxose en valor a implicación conxunta de familias, centros educativos e administracións para previr situacións de acoso e fomentar a educación en valores.
Xa na parte final do pleno, o goberno local sacou adiante dous convenios máis vinculados á administración dixital. O primeiro, coa Xunta de Galicia e a Fegamp, permitirá ao concello seguir avanzando en servizos dixitais, conexión con plataformas administrativas, ciberseguridade, protección de datos e ferramentas tecnolóxicas incluídas na Estratexia Galicia Dixital 2030. O segundo, ligado ao Ministerio para a Transformación Dixital e a Función Pública e á Xunta, continúa nesa mesma liña de adhesión a servizos electrónicos e plataformas comúns de xestión pública.
A sesión transcorreu con momentos de tensión dialéctica entre goberno e oposición, especialmente arredor do uso das quendas de palabra e do enfoque do debate, o que no se debateu foron os puntos da orde do día. Todos os asuntos foron aprobados e o executivo local volveu facer valer a súa maioría.
