
O Concello da Rúa executará melloras urbanísticas e de servizos con fondos do Plan CooperOU 2024, promovido pola Deputación de Ourense. A alcaldesa, María González Albert, destacou a importancia deste programa, que permite que os propios concellos decidan en que investir os fondos asignados.
«Creo que é unha boa iniciativa para que os concellos poidamos determinar, como institucións adultas que somos, cales son as nosas prioridades», afirmou a rexedora, subliñando que nesta edición o plan conta cun lixeiro incremento orzamentario respecto ao ano pasado.
Unha das partidas, de gasto corrente, será para limpezas viarias e rozas. Por outra banda estará o presuposto de obras. Dentro previstas atópanse dúas, unha delas será a segunda fase da mellora da rúa do Souto, que xa comezara en 2024. Segundo explicou Albert, o obxectivo é «seguir arranxando un espazo que presentaba bastantes carencias», dando continuidade aos traballos previos para mellorar esta zona.
A outra intervención terá lugar en Vilela, un núcleo rural que, segundo a alcaldesa, quedou atrás en comparación con outros barrios como A Rúa Vella ou Fontei. «Consideramos que a parte máis histórica de Vilela debe ter o mesmo tratamento. Por iso, imos comezar a adoquinar algunhas rúas, empezando pola rúa Darriba, que é moi transitada e presenta un estado moi deteriorado», explicou. Ademais a mellora incluirá a renovación dos servizos básicos, tendo en conta a complexidade do terreo, xa que a rúa está atravesada por unha canle de rego e presenta desniveis importantes.
A marxe do Plan CooperOU, o Concello tamén está a levar a cabo outras actuacións con financiamento propio. Unha delas é a renovación da rúa Arroio, en Fontei, que tiña problemas relacionados co abastecemento de auga. «Aproveitamos para mellorar a canalización e crear un vial de formigón que pronto será adoquinado», explicou a alcaldesa.
Outro dos proxectos que se acometerán sen agardar subvencións externas, será a reparación da rúa Circunvalación, que se atopa nun estado de deterioración notable a pesar da súa relativa recente construción. «A rúa estase desfacendo sen ter moitos anos, e neste caso non esperaremos ningunha subvención, será o Concello quen asuma a obra para darlle unha nova capa de aglomerado», confirmou Albert.