
O Concello da Rúa afronta o final de ano cun balance positivo de obras e proxectos de formación grazas ás actuacións de mellora na infraestrutura local e ao obradoiro LABORU, que rematou este 10 de decembro. María González Albert, alcaldesa do municipio, destaca os avances realizados en obras urxentes e en formación práctica que melloran os servizos e espazos públicos da vila.
Renovación urxente na Rúa Arroio
Unha das intervencións máis destacadas foi a renovación da rede de abastecemento na Rúa Arroio, en Fontei, unha actuación calificada pola rexedora como «case de emerxencia». Os problemas de abastecemento arrastrábanse desde hai máis de 10 anos, xerando constantes avarías e reparacións. «Estamos facendo unha xeral nova de abastecemento e agora repoñendo o firme. É unha zona céntrica de Fontei e queremos que quede nas mellores condicións», explicou González Albert.
A obra inclúe a colocación dunha “K” de lastra no centro da rúa, mentres que os laterais serán de cemento. Segundo as previsións do Concello, os traballos estarán rematados antes de fin de ano.
Un ano de traballo no obradoiro LABORU
O obradoiro LABORU, centrado en especialidades como xardinería, forestal e albanelaría, tamén tivo un impacto destacado durante este 2024. «Foi un ano completo con moitas cousas feitas, aínda que houbo dificultades nas obras de albanelaría debido ás baixas no alumnado», sinalou a alcaldesa.
Entre os logros do obradoiro destaca a ampliación dos vestiarios no campo de fútbol Vicente Solarat, pasando de dous a catro espazos, o que facilita a organización de partidos e visitas. Tamén se recuperou a contorna da Estación de Ferrocarril, que agora conta cun pequeno parque infantil e zonas verdes para uso público.
Nas piscinas públicas realizouse un saneamento previo que deixou o espazo listo para novas obras financiadas por unha subvención. «As piscinas son un lugar fundamental para o noso concello, e estas intervencións son esenciais para manter o seu valor», engadiu a alcaldesa. Os traballos de xardinería e forestal permitiron acondicionar espazos emblemáticos como O Aguillón e realizar a poda de árbores en toda a Rúa.
Clausura e retos futuros
O obradoiro LABORU rematará oficialmente o xoves 12 de decembro cun acto de clausura que inclúe a entrega de diplomas e unha pequena petiscada para celebrar os logros conseguidos. O evento reunirá aos participantes e representantes do Concello do Bolo e Larouco, que tamén colaboraron no proxecto.

María González Albert lamentou que este ano non se puidera acceder a novos obradoiros debido á falta da conta xeral do Concello, pero asegura que este problema será solventado para 2025. «Volveremos estar presentes», conclúe.
Si desexa escoitar a entrevista completa pode facelo aquí: