
Tras o remate das festas de Nadal, o Concello da Rúa pon en marcha os preparativos para a XVI edición da Festa do Codillo, unha cita consolidada como un referente gastronómico e cultural da comarca. A alcaldesa, María González Albert, destacou o éxito acadado na edición anterior e anunciou novidades para este ano. «O ano pasado conseguimos marcar un fito dándolle un carácter especial que foi moi ben recibido pola xente. Este ano queremos seguir esa senda, pero darlle unha volta de torca e ampliar as actividades para que abarquen toda a fin de semana», explicou.
A proposta deste ano busca dinamizar un período tradicionalmente tranquilo, logrando atraer visitantes e esgotar as prazas hoteleiras da zona. Ademais do tradicional xantar no Pavillón Municipal, que é o evento central da festa, o programa incluirá máis actividades. Entre elas, haberá homenaxes no Centro Cultural Avenida, un concerto o domingo a cargo dunha banda no mesmo recinto, e iniciativas adicionais o venres, para que a fin de semana sexa completa e atractiva tanto para veciños como para visitantes.
Un dos momentos máis destacados da preparación será a reunión que o Concello ten previsto convocar o luns 13 de xaneiro, unha xunta de portavoces na que se consensuarán os nomes dos homenaxeados deste ano. «Queremos chegar a unha proposta o máis conxunta e consensuada posible, escoitando tamén as suxestións da oposición», explicou María González Albert.
Nos próximos días daranse a coñecer máis detalles sobre a programación e a venda de entradas. Desde o Concello, animan a toda a veciñanza a participar e desfrutar dunha fin de semana chea de sabor, tradición e dinamismo.