viernes. 30.05.2025

A ludoteca e o saneamento: protagonistas no vindeiro pleno da Rúa

O Concello da Rúa continúa a súa aposta por adaptar as normativas municipais á realidade actual na sesión do próximo 13 de xaneiro
P_somoscomarca_241106_arua_pleno681

O Concello da Rúa celebrará un pleno ordinario o próximo luns, 13 de xaneiro, no que se abordarán a renovación das ordenanzas de ludoteca e tempo de lecer e a delegación do texto da ordenanza de saneamento ao Consorcio de Augas. A alcaldesa, María González Albert, explicou en detalle os puntos da orde do día.

«Levamos ao pleno a renovación da ordenanza reguladora dos servizos de ludoteca e tempo de lecer. Non era unha ordenanza especialmente antiga, pero na práctica detectamos varias fallas, sobre todo nos tempos de matriculación, os períodos de execución ou o número de prazas», sinalou a alcaldesa.

Ademais, destacou o proceso de participación cidadá, no que durante 15 días os veciños puideron presentar propostas. «Houbo xente que participou a título persoal e agradecémosllo. Algunhas propostas foron recollidas no texto que levamos ao pleno, outras non, pero todas nos deron unha visión máis ampla da cuestión», engadiu.

Outro dos puntos destacados será a ordenanza de saneamento. «Neste caso non falamos dunha modificación, senón da delegación no Consorcio de Augas, que son os que están prestando o servizo, para que redacten o texto correspondente», explicou María González Albert.

A alcaldesa sinalou que estes serán os puntos principais do pleno, xunto co apartado de rogos e preguntas. «O Partido Popular non presentou ningunha moción a pleno», aclarou.

Por outra banda, avanzou que en futuros plenos abordarase a renovación doutras ordenanzas, como a das escolas deportivas. «Esta tamén precisa unha actualización, porque non está anclada á realidade actual do noso concello. Hai escolas que xa non existen e outras que si existen non están reflectidas. Foi unha ordenanza focalizada na realidade puntual daquel ano específico», indicou.

A ludoteca e o saneamento: protagonistas no vindeiro pleno da Rúa