sábado. 20.04.2024

Nesta volta á normalidade, o colexio Manuel Respino da Rúa xa está inmerso en numerosos proxectos e actividades, neste comezo do curso, que arrincou con moitas "gañas, ilusión e novos proxectos". 

No Menuda Tropa, o seu responsable, Emilio González explica as principais novidades e algúns dos proxectos previstos para este novo curso escolar, que afrontan cun novo claustro "bastante renovado" e metodoloxías innovadoras que busca "acadar a excelencia". 

"Temos xa solicitada a incorporación do centro en varios proxectos de innovación educativa", que van dende a alimentación e hábitos de vida saudables, ata a educación patrimonial, aproveitando que pasa o Camiño de Inverno, como para o clube da ciencia. 

Entre as actividades, o centro participa nun programa patrimonial, en colaboración cun grupo de voluntarios do programa Xacobeando, que busca dar a coñecer o patrimonio da comarca. Para iso, xa visitaron varios tramos do Camiño de Inverno para detectar necesidades e o seguinte paso será elaborar un mural. 

Ademáis, o director destacou o clube da ciencia que busca fomentar "as vocacións científicas do alumnado, especialmente entre as nenas". A él, hai que sumar os plans tecnolóxicos. O centro contará con seis espazos para impulsar actividades vinculadas a "intelixencia artificial, realidade virtual, impresión 3D, novas tecnoloxías". 

En paralelo, docentes e alumnos xa están traballando nas diferentes festas e excursións. Polo momento, xa hai prevista unha visita o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía en a Coruña (Muncyt) e tamén participan nun programa para que os alumnos coñezan a súa contorna, con diferentes saídas a panaderías, depuradora, concello ou o parque de bombeiros. 

Polo momento ideas non faltan neste centro que conta con preto de douscentos matriculados, algúns de países coma Ucraína, que están xa completamente adaptados. 

Os máis pequenos coincidiron en que lles gusta "moito estudiar", pero tamén as festas que se fan no cole. De feito, moitos deles, fixeron un repaso polas disfraces que levarán no Samaín. Estes días, esqueletos, zombies, bruxas e calaveras inundan estos días as aulas do Manuel Respino, convertido nun auténtico museo terrorífico de Samaín. 

Menuda Tropa, no Manuel Respino: "Afrontamos o curso con moitas gañas e novos proxectos"