Un total de 127 estudantes do Barco, A Rúa, Quiroga, Viana do Bolo e Terras de Trives enfrontáronse hoxe 4 de xuño á primeira xornada da «antiga» selectividade, á ABAU —Avaliación de Bacharelato de Acceso á Universidade—. Á saída dos dous primeiros exames, de Lingua Galega e de Lingua Estranxeira, palpábanse aínda os nervios pero «máis relaxados que antes de entrar», segundo nos contaban os alumnos.
Algúns dos protagonistas saían esta mañá con esa presión imposta polas notas de corte que non deixan de crecer —son os límites para acceder ás carreiras, e son modulables de ano en ano—. Soaban hoxe graos como Enfermería, Medicina, Deseño de Videoxogos, Intelixencia Artificial ou Deseño de Moda.

«En xeral saíronnos ben as probas, foi como un repaso de todo o que fixemos no curso, así que ningunha sorpresa», contábanos Marco, que quere estudar Física. Por outra banda, algúns estudantes non estaban contentos co exame de Lingua Galega «porque na literatura mesturaron contidos e foi algo enrevesado». Mañá examinaranse de Lingua Castelá e Historia.
A outros non lles deu tempo de rematar un dos exames deste primeiro día «e sobre todo inglés non me saíu ben porque en xeral penso que temos un nivel bastante baixo, pero si que espero que os seguintes vaian mellor. Estou máis tranquila», contábanos outra estudante.
«Sempre teñen nervios pero non é máis complicado que o que levan facendo todo o ano»
Francisco García Sánchez é o director do IES Xermán Ancochea Quevedo, na Pobra de Trives. «É unha proba na que se xogan moito no seu futuro académico, sempre teñen nervios pero non é máis complicado que o que levan facendo todo o ano. Deste centro examináronse hoxe 13 alumnos «que queren estudar, entre outras, Dereito, Xornalismo, Bioloxía, Química ou Psicoloxía».
Contaba García que «todo o alumnado rematou o curso con éxito polo que teñen que estar tranquilos, estou seguro de que terán unha ABAU exitosa».

Esta proba de acceso á universidade vive neste 2024 a súa última edición coas normas impostas tras a pandemia do COVID. Moitas son as persoas que alegan que, con esta nova normativa do 2020 era más doada a proba, «inflando as notas de corte». O director do instituto de Trives contaba que o «que se fixo foi flexibilizar o formato das materias, dos exames, e previsiblemente entrará un novo modelo máis competencial o próximo ano, pero aínda non o coñecemos».
13.448 estudantes galegos encaran este ano a ABAU
Esta cifra supón un aumento de 600 alumnos con respecto á edición pasada. Máis de 13.000 persoas farán un total de sete probas durante estes tres días. Son cinco que corresponden á parte obrigatoria que, xunto coa media do Bacharelato, permiten obter até 10 puntos. As outras dous son materias específicias —ou optativas— que permitirán subir esta nota até o 14.
Os aspirantes coñecerán os resultados o próximo xoves día 13 de xuño. Día no que moitos dos examinados coñecerán a que dedicarán parte do seu futuro próximo en clave educativa. Pero algo está claro: esta calificación non xustifica a valía persoal. Nervios fóra.