martes. 03.06.2025

Viaxar dende Somoza á Rúa convírtese nunha odisea

Alumnos do IES Cosme López e veciños do pobo tardan 20 minutos máis en chegar ó destino por mor dun cambio na ruta do autobús

P_somoscomarca_241003_arua_secundino_mariaalbert_conchi525
De esquerda a dereita: Concepción Rodríguez González, mai da alumna afectada; Secundino Fernández, deputado no Parlamento Galego; María G. Albert, alcaldesa da Rúa

Pasar dun traxecto de case 5 quilómetros a un de 30. Esta é a situación na que se atopa a filla de Concepción Rodríguez González. A alumna do IES Cosme López vive en Somoza. O autobús no que acude a clase cambiou a súa ruta e agora ten que ir até Vilamartín e regresar. 

«A miña filla entra 20 minutos antes no autobús sen saber si ten seguro ou non», este é un dos temores de Concepción. Outro deles é o propio traxecto onde recorda que: «Houbo un accidente moi grave, morreron 12 nenos e o condutor». De feito, a nai asegura que dende Somoza ao instituto lévalles «5 ou 10 minutos sen facer paradas». A maiores, tanto a entrada como a saída teñen que agardar fóra das instalacións do centro ao transporte. 

Despois de falar coa ANPA e a empresa encargada do transporte, esta problemática chega ao Parlamento Galego da man do deputado do Bloque Nacionalista Galego, Secundino Fernández, quen asegura non entender «como se pode permitir isto». 

«Esta situación xa foi trasladada á administración Xunta», explica o deputado. A resposta por parte deste departamento foi favorable cara á empresa «en vez de darlla aos usuarios». Fernández sorprendese desta decisión, xa que non solo afecta aos máis pequenos, «calquera que colla o autobús dende Somoza sufrirá este problema». 

Por este motivo, o deputado presentará no Parlamento Galego unha serie de preguntas e propostas de non lei. O seu principal obxectivo é «esixir» que se manteña o itinerario inicial. 

Dende o Concello da Rúa, María González Albert, alcaldesa, esperan que a Xunta «cambie de actitude». Facendo así referencia aos diferentes problemas que hai no servizo de transporte en cuestión de ensino. «Este tema é crucial para que o rural poda sobrevivir», asegura. Ao que engade: «Deberían dar un servizo de calidade igual que para o resto do país». 

A ruta do autobús

A ruta que está aínda na páxina web da Xunta de Galicia e a que piden os afectados é a seguinte: Vilamartín de Valdeorras; San Miguel de Outeiro; Valencia do Sil; Somoza; San Roque; A Rúa Camiño Novo; Vilela; IES Cosme López. 

O itinerario que se está a seguir é este: Somoza; Vilamartín de Valdeorras; San Miguel de Outeiro; Valencia do Sil; San Roque; A Rúa Camiño Novo; Vilela; IES Cosme López. 

Viaxar dende Somoza á Rúa convírtese nunha odisea