La Xunta acusa ao Goberno central de “comprometer” a viabilidade das explotacións gandeiras pola súa postura sobre o lobo
A Xunta de Galicia cargou este contra o Goberno central pola súa xestión da protección do lobo e advertiu de que a súa postura está a «comprometer a viabilidade das explotacións gandeiras». Así o asegurou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante unha visita a unha explotación gandeira en extensivo de Vilalba afectada por varios ataques desta especie.
A responsable autonómica criticou o «empeño» do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico en manter que o estado de conservación do lobo en España é desfavorable, algo que, segundo defendeu, «contradín os datos oficiais dispoñibles».
Segundo explicou, Galicia remitiu información e avaliacións de 38 especies elaboradas «polos mesmos técnicos, cos mesmos criterios e procedementos» marcados pola Unión Europea, pero asegura que o Goberno central só cuestiona os datos relativos ao lobo. «Estamos ante unha situación insólita e inédita», afirmou a conselleira, ao considerar que é o único caso no que se somete a «revisión pública» a información facilitada polas comunidades autónomas.
A Xunta lembrou que as comunidades con maior presenza de lobo elaboraron un informe sexenal sobre o estado de conservación da especie correspondente ao período 2019-2024, concluíndo que a situación era favorable. Ese documento foi aprobado pola Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade en xullo de 2025, aínda que, segundo denunciou o Goberno galego, o Ministerio decidiu despois paralizar o procedemento ordinario previsto.
Ademais, Ángeles Vázquez sostivo que o Executivo estatal pretende «desprestixiar o labor das comunidades autónomas» e atrasar o envío do informe á Comisión Europea. A conselleira lembrou que Bruxelas abriu un procedemento de infracción contra España polo retraso na remisión da documentación, sendo «o único país» que aínda non trasladou os datos.
Mentres tanto, advertiu de que o sector gandeiro continúa convivindo «coa inseguridade, cos ataques e coa perda de animais». Segundo os datos facilitados pola Xunta, os avisos por ataques de lobo incrementáronse en Galicia nun 70 % nos últimos anos e as reses afectadas medraron máis dun 50%.
No caso concreto da explotación visitada en Vilalba, rexistráronse máis de 20 ataques desde 2024, catro deles durante este mesmo ano. Na comarca da Terra Chá contabilizáronse preto de 360 avisos durante 2025, con máis de 550 reses afectadas. Nos últimos meses comunicáronse 166 avisos, máis da metade dos rexistrados en toda a provincia de Lugo.
A conselleira concluíu defendendo que a Xunta continuará apostando por «compatibilizar a protección do lobo coa viabilidade da actividade humana» e asegurou que seguirá apoiando ao sector gandeiro «con datos, rigor e xestión».