sábado. 07.06.2025

Villares: «Coas súas protestas, a cidadanía parou a Lei de Acuicultura, podemos parar esta Lei»

Arredor de duascentas persoas reuníronse hoxe mércores fronte ó Hospital Comarcal de Valdeorras para esixir á Xunta a paralización do anteproxecto de Lei de Saúde que reforma os recursos e atribucións das áreas sanitarias. Luis Villares, voceiro de En Marea no Parlamento galego, acudiu á concentración xunto cos parlamentarios de seu grupo David Rodríguez e Carmen Santos.

A súa formación, reclama a paralización da reforma sanitaria e que as dez áreas sanitarias propostas se convirtan en catorce, mantendo Valdeorras e dotando a Verín de área propia. Villares chegou ó Barco arredor das dez da mañá para reunirse coa Plataforma Sanitaria e a xunta de persoal do Hospital e despois participou da concentración convocada cada mércores.

Os parlamentarios de En Marea na concentración do Barco acompañados de membros da Plataforma Sanitaria

O voceiro de En marea, asegurou que «a maioría absoluta do Partido Popular non é unha maioría social» e animou á veciñanza a participar da manifestación convocada para o día 30 de setembro en Valdeorras: «A cidadanía parou coas súas protestas a Lei de Acuicultura e a segregación de Ferroatlántica así que tamén podemos parar esta Lei». Villares reprochou ó goberno galego que «se lle pide á xente que faga a súa vida no rural para despois quitarlle o máis esencial, porque a saúde é a base dos demais dereitos».

Un dos problemas desta Lei, segundo o líder da oposición, é que recentraliza servizos sanitarios nas capitais provinciais obrigando á xente a desprazamentos de máis de dúas horas: «Co plan de transporte no ámbito de rodado ou de ferrocarril que hai no rural é inviable a comunicación e non todo o mundo pode pagar un taxi a Ourense e volver, é inaceptable e inxusto».

O parlamentario valdeorrés Davide Rodríguez, destacou que tamén se van resentir os servizos de atención primaria: «Os centros de sáude, o servizo máis próximo, van ver mermada a súa capacidade, este verán por exemplo, no área de Trives non tiñamos pediatra porque estaba de vacacións e non o substituiron».

Villares: «Coas súas protestas, a cidadanía parou a Lei de Acuicultura, podemos parar...