
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o profesor da Universidade de Vigo Andrés Mazaira, presentaron no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” o informe do Observatorio Económico Ourensán, que desenvolve a Deputación de Ourense, referido nesta ocasión á ocupación laboral, con datos que identifican a existencia de 13 sectores con forte peso da provincia sobre o emprego total de Galicia.
A contribución de Ourense en trece sectores ou subsectores sobre o conxunto do sistema produtivo galego, desde a variable do emprego, e as positivas taxas de recuperación laboral que están a vivir a maioría dos sectores tradicionais que definen a especialización da economía ourensá, constitúen as principais conclusións da nova análise infográfica realizada polo Observatorio Económico Ourensán.
As industrias extractivas, e en particular a extracción da lousa e as actividades empresariais de apoio a este sector, son as responsables do indicador laboral máis favorable da provincia. Consiste en estar a impulsar máis da metade do emprego galego -en concreto o 54,7 %- nun dos grupos máis potentes da Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE-2009), naquel que comparten a extracción de antracita, hulla e lignito; o cru de petróleo e gas natural; os minerais metálicos; o resto das industrias extractivas; e as actividades auxiliares das industrias extractivas.
Esa contribución próxima ao 55 % fronte ao total de Galicia equivale a multiplicar por nove o peso relativo que ten a provincia de Ourense en variables como a da xeración de Valor Engadido Bruto das empresas (6,1 %) ou a dos ingresos de explotación empresariais (6,9 %). Ademais, multiplica por cinco o peso relativo que lle corresponde a Ourense no total de traballadores ocupados (a provincia sostén o 10,37 % das ocupacións totais de Galicia) e mesmo na poboación (o 11,5 % da poboación de Galicia reside en Ourense).
O dato illado do sector da lousa -sen o petróleo, o gas natural, os carbóns fósiles, os minerais metálicos e o resto das industrias extractivas- fai posible que unha sola comarca, Valdeorras, sobrepase o 90 % en peso relativo do emprego sobre as cifras absolutas de Galicia. Esa preponderancia sitúase moi en liña coa achega que realiza a lousa valdeorresa en Valor Engadido Bruto sobre o total sectorial de Galicia, e que está na contorna do 92 %.
Segundo o Observatorio Económico Ourensán, noutras doce ramas de actividade o protagonismo ourensán tamén excede os valores medios de contribución ao emprego galego. Na venda e reparación de vehículos e no grupo laboral da Administración Pública, a Defensa e a Seguridade Social, mesmo sobrepasa o 15 %, con 16.400 postos de traballo en total. A continuación, destacan os pesos relativos que acada Ourense nas actividades xurídicas e de contabilidade (14,5 % do total galego) e nos servizos sociais (13,9 %).
No seguinte chanzo aparecen as actividades dos fogares con empregadores de persoal doméstico, co 12,9 % sobre a cifra global de Galicia; o fornecemento de enerxía eléctrica, gas e auga, co 12,8 %; e a agricultura, gandería, caza e silvicultura, co 12,2 %.
Noutros catro grupos de actividade a achega ourensá permanece estabilizada por encima do 11 %. Este nivel de contribución provincial dase no resto do sector servizos (11,6 %), no ensino (11,5 %), no comercio polo miúdo (11,3 %) e nos traballos sanitarios (11,2 %). O último posto entre as trece ramas económicas que superan o peso relativo medio na cifra de ocupados é para os servizos a edificios e as actividades de xardinería, co 10,6 % do total do emprego galego.
No lado dos déficits, o Observatorio alerta sobre a baixa ponderación nun sector estratéxico, o da industria da alimentación e as bebidas, no que Ourense só xera o 6,4 % da ocupación galega. Tamén existe febleza na automoción (7,5 %) e nas actividades profesionais, científicas e técnicas (7,7 %), así como no comercio maiorista (6,1 %). Pola súa banda, a industria téxtil está 2,5 puntos porcentuais por debaixo do volume medio de ocupados que achega a provincia sobre o total de Galicia. A pesares das magnitudes de facturación e emprego dos grupos de moda con sede central en Ourense, o sector limita a súa contribución ao 8,03 % dos ocupados de Galicia no sector, polo que cae ao grupo das oito actividades con menor proporción ourensá de traballadores ocupados.