miércoles. 17.09.2025

O Sindicato Labrego Galego alerta de que as axudas da Xunta á apicultura tras os incendios son «insuficientes e pouco claras»

A gran vaga de incendios deste verán afectou, aseguran, de forma grave á apicultura galega, con colmeas queimadas, perda de áreas de pecoreo, traslados forzosos e esmelgas anticipadas
P_somoscomarca_240410_sergiomiel
O Sindicato Labrego Galego alerta de que as axudas da Xunta á apicultura tras os incendios son «insuficientes e pouco claras»

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) denunciou este martes, 16 de setembro, nunha nota de prensa, que as axudas convocadas pola Xunta de Galicia para paliar os danos provocados polos incendios forestais resultan «insuficientes» para o sector apícola e presentan «falta de claridade» na súa tramitación.

Segundo explicaron na nota, os apicultores afiliados ao sindicato atopáronse con numerosas dúbidas á hora de acudir ás oficinas de xestión, sen que o persoal da administración puidese resolvelas, chegando mesmo a recibir información contraditoria en diferentes dependencias.

A gran vaga de incendios deste verán afectou, aseguran, de forma grave á apicultura galega, con colmeas queimadas, perda de áreas de pecoreo, traslados forzosos e esmelgas anticipadas. Esta situación compromete a viabilidade económica de moitos apicultores, para os que esta actividade é a súa única fonte de sustento ou unha parte esencial dos seus ingresos.

O sindicato cuestiona a Orde do 29 de agosto de 2025, que regula as axudas por danos en explotacións forestais, agrícolas e gandeiras. Entre as principais queixas, destacan a ausencia de información sobre o orzamento destinado a apicultura, a falta de garantías de que non se reduza fronte á gandería, e a incerteza sobre como se xustificará o gasto no caso de que a resolución rebaixe a contía solicitada.

Tamén critican a obriga de devolver colmeas a zonas queimadas, «sen sentido», xa que a vexetación está arrasada nun radio de quilómetros. Ademais, reclaman aclaracións sobre como se definirá a área de afectación e quen poderá acceder ás axudas pola perda de produción.

«Axudas insuficientes»

O SLG subliña que a recuperación da flora nas zonas queimadas non será posible ata dentro de tres anos, o que impide a alimentación natural das abellas e compromete a produción de mel. A limitación da axuda para alimentación a seis meses cualifícana de «claramente insuficiente» e insisten en que non é viable manter colmeas só con alimentación artificial nin producir mel a partir dela.

Por todo isto, o sindicato reclama á Consellería de Medio Rural que se aclaren os procedementos das axudas e que se habiliten liñas específicas adaptadas á apicultura. Ademais, solicita unha xuntanza urxente para abordar estas cuestións e evitar o peche de apiarios en Galicia

O Sindicato Labrego Galego alerta de que as axudas da Xunta á apicultura tras os...