sábado. 28.06.2025

Sanidade ampliará o seguimento de contactos de positivos até os 7 días

A nova estratexia de análise de contactos tamén se ampliará a aquelas persoas que mantiveran unha xuntanza casual coa persoa infectada

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de informar da ampliación do sistema de rastrexo de contactos de positivos por covid-19, cuxa data de inicio pasará dos actuais dous días previos desde o último contacto coa persoas infectada, até os sete días.



Na procura de mellorar da detección precoz de novos casos, así como o seu illamento e estudio, o novo procedemento porase en marcha en 10 días, tras realizarse unha proba de pilotaxe que garantirá o seu correcto funcionamento. A nova estratexia de seguimento non se cinguirá estritamente á definición de contacto estreito, pois tamén se ampliará á busca daqueles contactos casuais que puidera terse reunido coa persoa con resultado positivo. Do mesmo xeito, a detección de novos casos tamén se estenderá a ámbitos sociais concretos, como pode ser o laboral, o educativo ou aos establecementos de lecer.



O responsable de Sanidade apuntou que a comunidade galega “continúa a manter unha situación epidemiolóxica estable, a pesar da leve reputa de casos positivos das últimas datas”. Así, salientou que o cumprimento das medidas hixiénico-sanitarias e o avance no proceso de vacinación están a derivar nunha cuarta onda de menor intensidade.



No que atinxe ao proceso de vacinación, García Comesaña explicou que “Galicia xa superou o millón de doses administradas e,  un total de 272.774 galegos e galegas xa completaron a súa de vacinación”. De acordo aos diferentes grupos de poboación, o conselleiro salientou que o 99% das persoas maiores de 80 anos xa recibiron algunha dose e que, o 75% deste grupo de idade xa conta coa pauta completa. Esta mesma porcentaxe, reflicte a cantidade de persoas con idades comprendidas entre os 70 e os 79 anos que xa recibiron alo menos unha dose. Pola súa banda, o 34,5% das persoas con idades entre os 60 e os 69 anos xa recibiron a primeira das doses da vacina; unha cifra que acada o 87% nos denominados grupos esenciais; e o 70%, no grupo de persoas con patoloxías de risco.

Sanidade ampliará o seguimento de contactos de positivos até os 7 días