viernes. 19.04.2024

Os equipos especiais de vacinación da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, intensifican estes días a vacinación dos 5.800 usuarios e usuarias das 157 Residencias Sociosanitarias da provincia, para retomar este venres, día 7 de outubro, a vacinación fronte á COVID e a gripe nos grandes recintos, comezando polos maiores de 85 anos, colectivo que en Ourense ascende a 16.989 persoas.

Os centros de vacinación son, como en etapas anteriores, os hospitais públicos de Valdeorras e Verín, para os seus respectivos distritos, e en Ourense o Hospital Universitario de Ourense, onde comeza e se manterá ata o domingo, para trasladarse a Expourense o luns día 10. Manténdose esta alternancia de venres a domingos e luns a xoves entre ambos centros ata o venres 28, no que a vacinación manterase xa no pazo de exposicións.

O desenvolvemento da campaña nos grandes recintos permitirá vacinar a un gran volume de persoas, acurtando os tempos, agora que existe dispoñibilidade de vacinas, polo que os coordinadores da campaña prevén rematar esta fase o 15 de novembro, protexendo así a poboación máis vulnerable, de 60 ou máis anos, antes da chegada da epidemia da gripe ou do reponte de casos Covid.

Nesta primeira fase, se convocará aos maiores de 85 anos, 1.457 no distrito de Valdeorras, 1.571 no de Verín e 13.961 no de Ourense. A todos eles se lles ofrecerá a vacina da gripe, campaña que arranca o próximo luns día 10 nos Centros de Saúde, comezando tamén polos maiores de 85 anos e a domicilio para os pacientes inmobilizados.

Segundo avance esta poboación diana, tamén se iniciará a doble vacinación, de recordo e da gripe dos profesionais dos centros sanitarios e sociosanitarios, prevista en Ourense para os días 28, 29 e 30 de outubro.

A campaña de Vacinación Antigripal 2022, rematará o 31 de decembro, marcándose como poboación diana ás persoas de 60 ou máis anos, especialmente os de 65 ou máis anos, ou as persoas que convivan en institucións pechadas, como é o caso das residencias de persoas maiores e outros centros de atención á discapacidade.

Son tamén poboación diana, as nenas e nenos de 6 a 59 meses, feito este que se produce por primeira vez en España; así como as persoas de menos de 60 anos que teñen un maior risco de complicacións derivadas da gripe; aqueles que lles poden transmitir a gripe a outros con alto risco de complicacións, como é o caso de persoal de centros sanitarios de primaria e hospitalaria, de oficinas de farmacia, de institucións xeriátricas e de atención a enfermos discapacitados, etc.

Son, así mesmo, poboación diana, as persoas que desenvolven traballos esenciais para a comunidade e os traballadores expostos directamente a aves ou porcos nas granxas ou explotacións avícolas ou porcinas e, tamén, ás aves silvestres.

As vacinas dispoñibles para esta campaña son, unha con alta carga tetravalente, que é a que se porá ás persoas de 85 ou máis anos na poboación xeral e aos de 60 ou máis anos de residencias; e outra vacina tetravalente para as persoas de 6 meses a 84 anos.

Retómase a vacinación de covid e gripe no Hospital Público de Valdeorras