domingo. 08.06.2025

O Quiroga Fútbol Sala irá a por todas na final da Copa Diputación

Só restan 8 días para que o Quiroga Fútbol Sala xogue a final da Copa Deputación Ourense. O pavillón municipal de Xinzo de Limia acollerá o próximo domingo 18, ás 18:00 horas ás xogadoras que adestra Andrés Nóvoa. O outro equipo que estará en Xinzo disputando a final será o Carballiño FS que venceu por 3 a 0 ó Prolsport Vivian FSF na semifinal.

As de Nóvoa non teñen outro obxectivo que conquistar o título, tras vencer o pasado fin de semana as do Atlético Amoeiro FSF por 1 a 2. Así no lo relataba unha das xogadora do Quiroga Alba Rodríguez Castro.

Crónica da semifinal fronte o Amoeiro de Alba Rodríguez Castro

Partidazo de garra e loita das nosas que nos mete na final da Copa vencendo ás campioas de Liga. O encontro foi dunha intensidade máxima desde o pitido inicial, tal e como se esperaba dos dous equipos, os dous primeiros clasificados de Liga por méritos propios e que nos enfrontamentos previos xa nos deleitaron con partidos moi competidos e resultados axustados. Esa igualdade desfacíase rápido no marcador, pois aos 5 minutos un bo movemento de balón das quiroguesas acababa nos pés de Carol, en banda, e desde aí facía o 0-1 cun forte disparo cruzado. O gol upaba ás nosas, pero a igualdade na pista era máxima, cos dous equipos exercendo unha presión súper elevada e disputando a posesión en cada xogada. As locais subíronse ao ataque na procura do empate, pero as nosas defendían con todo e moi ben plantadas evitando que as xogadas rivais acabasen con gran perigo, as de verde buscaban unha contra ante un rival tan volcado en ataque para aumentar a vantaxe, e puido chegar nunha boa transición pero Carlota non era quen de chegar ao segundo pao. As locais respondían rapidamente cun forte disparo que o largueiro despedía e as visitantes respiraban. A tensión era máxima, e aínda que as nosas estaban ben plantadas en defensa non eran quen de saír, precipitándose nos pases. Andrés pedía un tempo para dar descanso aos seus poucos efectivos e tranquilizar o xogo, e parece que lle veu ben as nosas, que aínda que seguían defendendo con todo ante o asedio rival eran capaces de pensar e xogar cando conseguían recuperala. Así ían pasando os minutos coa esperanza das nosas posta nunha contra que aumentase esa vantaxe, e esa contra puido chegar cando Alba recuperaba un balón en media pista e subían tres na procura dese gol, pero unha mala decisión da propia Alba supoñía a contra da contra para as de Amoeiro que a finalizaban á perfección e poñían o empate no marcador. As nosas en ningún momento baixaron a cabeza e ante o empate cando so quedaban dous minutos para o descanso as palabras foron de ánimo e viñéronse arriba, tanto que na seguinte xogada Carol recibía na área e tras superar á porteira que lle fai falta o balón queda rexeitado dentro da área e aparece Isa para poñer o 1-2. Duro mazazo para as de negro que vían como a súa esperanza se caía en uns segundos. O primeiro tempo estaba case rematado e as nosas puxeron cabeza para ir ao descanso sen que o resultado se movese.

A segunda parte, como era de esperar, comezou cun Amoeiro volcado en ataque en busca do empate e entón foi cando as nosas demostraron a garra e o orgullo que teñen e que as fai sobrepoñerse a todo. O partido puido decantarse máis cara o noso lado tras unha boa xogada en equipo que remataba co balón nos pés de Alba na frontal, esta facía o máis difícil regateando á porteira e a unha rival e cando xa estaba soa diante da portería incomprensiblemente enviaba o balón fóra. A partir de aquí as nosas demostraron unha defensa exquisita, non dando ningún balón por perdido e loitando todas as xogadas e cando esa defensa era superada unha imperial Astorga baixo paos impedía que o balón chegase ao fondo da rede. Sabíase que o partido se ía decidir en un pequeno detalle e que so quedaba dar todo o que tiñan para intentar que ese detalle fose da nosa parte, puido selo nunha gran contra, pero Isa estaba demasiado lenta e as rivais chegaban para defendela e incluso nun gran disparo de Sabela despois dun córner ensaiado que pasaba rozando a escuadra da portería. O resto foi un ataque constante das locais, un quero e non podo ante as nosas xogadoras que o estaban a dar todo en labores defensivas. Ese detalle tamén puido chegar pola parte rival, primeiro nun roubo no que ían 3 contra 1 por Astorga saía á perfección e evitaba o gol e despois, na última xogada do encontro cando a súa mellor xogadora lle gañaba as costas a Sabela e se quedaba soa diante de Astorga á que intentaba bater cunha vaselina que se ía por riba. Aí puido estar o empate, pero non o estivo e co saque de porta sonaba o pitido final que poñía ás nosas na gran final!!

Lágrimas e moita moita alegría entre as nosas xogadoras, que despois de todo o sufrido durante a tempada están na final da Copa Deputación.

Grazas rapazas, sodes enormes!!

O Quiroga Fútbol Sala irá a por todas na final da Copa Diputación