As queimas agrícolas de particulares xa están permitidas
A Xunta de Galicia reactiva as notificacións para levar a cabo queimas agrícolas por parte de particulares, tanto dende a web habilitada como a través do teléfono 012.
Os que dispoñan dun permiso vixente antes da prohibición do pasado 21 de marzo, poderán realizar as queimas desde hoxe mesmo. Os que soliciten un novo permiso hoxe, tendo en conta que a comunicación debe efectuarse sempre con dous días de antelación segundo a normativa, poderán levar a cabo a queima a partir deste xoves, 28 de marzo.
Os cidadáns deberán confirmar que se trata dunha “queima correspondente a palla e/ou material natural, agrícola, non perigoso, utilizado en explotacións agrícolas e/ou gandeiras”.
Aos interesados que chamen ao 012 para comunicar a queima preguntaráselles tamén ao respecto, para que confirmen se se trata do tipo de material e circunstancias indicadas e poder continuar co proceso de comunicación.
Tamén se retoman as solicitudes de autorización para efectuar queimas de restos forestais amoreados. Neste caso, cómpre contar con autorización administrativa dado o maior risco da actuación.