martes. 03.06.2025

O PSdeG de Ourense se reúne en Valdeorras cos representantes comarcais

Entre os temas abordados atópase a mobilidade, a sanidade, a prevención de lumes e a mellora de infraestruturas
Reunión PSdeG-PSOE de Ourense Valdeorras
Reunión PSdeG-PSOE de Ourense Valdeorras

O PSdeG-PSOE de Ourense mantivo un encontro de traballo cos representantes comarcais para «escoitar as súas inquedanzas e recoller aquelas suxestións e reclamacións para trasladarllas aos diferentes gobernos». Os socialistas reuníronse en Valdeorras, nun acto que contou tamén coa participación do alcalde do Barco, Alfredo García; o deputado provincial, Aurentino Alonso; o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez; e o alcalde do Bolo, Alberto Vázquez, entre outros representantes.

Alí destacaron, en primeiro lugar, «a importancia de apostar por infraestruturas claves para o desenvolvemento comarcal». Nun comunicado enviado o martes día 14 subliñan a necesidade de «impulsar novas infraestrutuas que melloren a mobilidade». destacando algunhas obras que se están levando a cabo na comarca, como a circunvalación do Barco. Tamén trasladaron a «necesidade de traballar para impulsar a futura A-76 e novas melloras na N-120».

O partido socialista destacou ademais «outra das reclamacións históricas ao goberno galego é a mellora na OU-533 que comunica Valdeorras coa Gudiña e que potenciaría a conexión co AVE». Na mesma liña, reclaman ao goberno autonómico «melloras no transporte de viaxeiros por estrada». 

Durante a reunión mantida en Valdeorras o tema sanitario foi un dos centrais «e depende da Xunta de Galicia». Os socialistas afirmaban no encontro que a comarca «precisa duns servizos sanitarios dignos e de calidade, que pasan por contar cun Hospital Comarcal que sexa un referente e pola construción de novas infraestruturas, como o prometido novo centro de saúde da Rúa». 

Tamén puxeron o foco na prevención de lumes lembrando os incendios de 2022 tras os que, referían os socialistas, «a Xunta prometeu máis limpezas, estudos para repoboar as zonas afectadas e investimentos que a día de hoxe quedaron nun caixón».

Con todo, o PSdeG-PSOE de Ourense destaca que o obxectivo principal destas reunións é «traballar sobre o territorio para desenvolver un proxecto socialista bisbarra a bisbarra». Os socialistas afirman que seguirán «percorrendo a provincia para escoitar as inquedanzas dos municipios e dar traslado aos gobernos nacional e autonómico».

O PSdeG de Ourense se reúne en Valdeorras cos representantes comarcais