
A Xunta de Galicia invertirá 435.600 euros para adquirir oito novas torres de anestesia destinadas aos bloques cirúrxicos dos tres hospitais públicos da provincia, en Ourense, O Barco de Valdeorras e Verín, no marco dunha iniciativa para renovar este equipamento e poñelo a disposición dos Servizos de Anestesia e Reanimación das sete áreas sanitarias.
Segundo se recolle na documentación técnica, os novos equipos incorporarán os últimos avances, ente eles o uso de baixos fluxos de gases anestésicos, máis beneficiosos para a saúde, pois permiten unha mellora na temperatura corporal.
Este novo investimento en equipamento para os centros sanitarios públicos enmárcase no eixe REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, e alcanza un orzamento global de 5.336.100 euros para compra de 98 destes equipos, 6 destinados a Hospital Universitario de Ourense e un para os hospitais de Verín e Valdeorras.
Este contrato permitirá renovar o equipamento existente e incorporar a tecnoloxía necesaria que non só mellore a calidade de vida do paciente e a seguridade dos procedementos cirúrxicos, senón que contribúa á redución de emisións de gran impacto ambiental.
Renovación do equipamento sanitario
Esta nova licitación forma parte tamén do proceso de renovación do equipamento sanitario emprendido nesta lexislatura e ao que a Xunta de Galicia destinou 60 millóns de euros nos Orzamentos do ano 2021, e máis de 90 nos Orzamentos do vixente ano 2022.
En particular, respecto as modernizacións dos bloques cirúrxicos, o Executivo galego investiu máis de 4’3 millóns de euros na adquisición de 37 novos equipos radiocirúrxicos e sete sistemas cirúrxicos robotizados Da Vinci, por un importe de 20,5 millóns de euros para as sete áreas sanitarias. Todos eles xa están instalados e en funcionamento. Ademais, ven de adxudicar outro contrato por 1,4 millóns de euros para renovar un total de 97 lámpadas cirúrxicas no conxunto de hospitais públicos do Servizo Galego de Saúde, algunhas das cales xa están instaladas.
Finalmente, atópase en fase de axudicación un contrato por valor de 3 millóns de euros licitado en maio deste ano para substituír máis de 50 mesas cirúrxicas dos hospitais galegos.