domingo. 25.02.2024
somoscomarca_oftalmogolo_
Paula Vázquez, nova xefa do servizo de oftalmoloxía da Área Sanitaria

Paula Vázquez de Parga Salleras é a nova responsable do Servizo de Oftalmoloxía da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras,  tomando o relevo á xubilación de Ramón Lorente Moore, responsable deste servizo os últimos trinta anos.

Licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Autónoma de Madrid, en 1992,  formouse como especialista en Oftalmoloxía, vía MIR, no Hospital Puerta de Hierro de Madrid, entre 1994 e 1997. Tras  iniciar a súa carreira profesional no Hospital Público de Verín, desde 1998 está vencellada ao Hospital Universitario de Ourense, con nomeamento como persoal estatutario fixo, por oposición, en 2005.

Vázquez de Parga é responsable desde 1999 da Unidade de Glaucoma, unha das primeiras do estado en ofertar a carteira completa de técnicas, incluindo a cirurxía minimamente invasiva (MIGS ou Minimally Invasive Glaucoma Surgery)  indicada para unha redución eficaz e segura da presión intraocular. Igualmente, desde 2010 asume, co Dr. Lorente, a Unidade de Luxacións saco-lente intraocular, ainda que pouco habitual, unha das complicacións tardías espontaneas máis complexas da cirurxía de cataratas.

A súa labor clínica vai parella dunha intensa actividade de formación continuada e especialización no eido da cirurxía oftalmolóxica e de glaucoma, con cursos da Academia Americana de Oftalmoloxía, incluíndo o programa BCSC, e estanzas formativas con algúns dos referentes desta cirurxía oftalmolóxica, como o Dr. Ike Ahmed, considerado pai das técnicas de cirurxía minimamente invasiva, no seu centro de Ontario, Canadá, en 2015; ou en 2019 co Dr. Keith Barton no Hospital público (NHS) de Moorfields Eye de Londres.

Ademais da súa experiencia docente en cursos ou talleres, foi titora MIR da especialidade, entre 2010 e 2016, e colaboradora docente desde 1998 ata a actualidade, desenvolvendo, desde o inicio da súa traxectoria profesional, unha intensa actividade investigadora, sendo autora e coautora de numerosos capítulos e artigos en libros e revistas nacionais e internacionais.

Un dos seus traballos foi premiado no congreso da Sociedade Americana de Catarata e Cirurxía Refractiva (ASCRS) de Boston, en 2010, foro considerado referente internacional desta especialidade, desde a súa fundación en 1974. Nel participou tamén como relatora, así como en máis de 50 congresos e reunións nacionais, entre eles os de Cirurxía de Glaucoma en Directo.

Ademais da formación no seu eido, ven de completar, en 2021, o Máster Superior de Xestión de Centros Sanitarios, Deusto Salud-UCAM. Igualmente foi membro do Comité Editorial da Revista Española de Investigacións Oftalmolóxicas e é vogal da Sociedade Galega de Oftalmoloxía desde 2014.

Paula Vázquez, nova xefa do servizo de oftalmoloxía da Área Sanitaria