viernes. 12.12.2025

ParqueVibras, o concurso da Xunta que leva ás aulas aos parques naturais

A iniciativa anima ao alumnado de Educación Secundaria a crear vídeos para redes sociais sobre o patrimonio natural galego e ofrece como premio unha excursión guiada para toda a clase a un parque natural da comunidade
ParqueVibras, o concurso da Xunta que leva ás aulas aos parques naturais

A Xunta de Galicia presentou este venres en dous institutos da provincia de Ourense a segunda edición do concurso #ParqueVibras, unha iniciativa dirixida ao alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) que busca achegar os parques naturais galegos ás aulas a través da creación de contidos audiovisuais para redes sociais.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, visitou o IES Aquis Querquernis, en Bande, e o IES Lagoa de Antela, en Xinzo de Limia, onde explicou ao alumnado as claves deste certame, impulsado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e posto en marcha o pasado curso.

O concurso propón aos estudantes a elaboración de vídeos orixinais para Instagram, TikTok ou YouTube inspirados nalgún dos seis parques naturais cos que conta Galicia: Fragas do Eume; Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán; Monte Aloia; Baixa Limia-Serra do Xurés; O Invernadeiro; e Serra da Enciña da Lastra.

Segundo explicou Marisol Díaz, aínda que os contidos deben estar relacionados coa Rede de parques naturais de Galicia e cos seus valores ambientais, culturais e sociais, o alumnado ten liberdade creativa para desenvolver as súas propostas. Os vídeos poden incluír, entre outros elementos, imaxes de rutas peonís, bailes, gráficos ou memes, sempre vinculados ao patrimonio natural galego.

O prazo de inscrición no concurso, tanto de forma individual como en grupo, permanecerá aberto ata o vindeiro 19 de decembro. Os vídeos deberán publicarse nalgunha das tres redes sociais indicadas e incluír obrigatoriamente os hashtags #ParqueVibras e #GaliciaCalidade. A data límite para o envío dos traballos será o 6 de febreiro.

O certame contempla un máximo de cinco premios: un por provincia e outro para o vídeo máis viral. No caso de que este último coincida con algún dos galardóns provinciais, entregaríanse catro premios. O 27 de febreiro daranse a coñecer os finalistas e, a partir dese momento, seleccionaranse os vídeos gañadores. O concurso culminará cunha gala de entrega de premios prevista para comezos do mes de abril.

Como recoñecemento, os gañadores recibirán unha excursión guiada para todo o alumnado da súa clase a un dos parques naturais da comunidade, reforzando así o coñecemento directo destes espazos protexidos.

Esta segunda edición dá continuidade á do pasado ano, que contou cunha ampla participación, con 56 equipos de 26 centros educativos e máis de 500 alumnos implicados. O impacto do concurso superou as 166.000 visualizacións, acadou máis de 8.300 “gústames” e rexistrou preto de 600 comentarios nas redes sociais.

Durante a súa visita aos centros educativos, a directora xeral puxo en valor este tipo de iniciativas, que apelan á creatividade da mocidade e ao seu coñecemento das redes sociais para fomentar a concienciación sobre a riqueza natural e a biodiversidade de Galicia, convertendo ao alumnado en divulgadores do patrimonio natural galego

ParqueVibras, o concurso da Xunta que leva ás aulas aos parques naturais