O Parlamento galego pide ao Estado a mellora da N-120 entre Valdeorras e Ourense
«¿Coñecen Valdeorras?». Así comezou o deputado nacionalista Secundino Fernández a súa intervención no Parlamento galego, cunha pregunta retórica que pretendía facer visible unha realidade que, segundo denunciou, leva anos sendo ignorada: o «abandono histórico» das infraestruturas viarias da comarca. O BNG logrou este martes o apoio unánime da Cámara para instar ao Estado a acometer unha mellora integral da estrada N-120 no tramo entre Valdeorras e Ourense, unha vía que, segundo advertiu Fernández, é a única saída real da comarca e se atopa nun estado «crítico».
O parlamentario ourensán cualificou de «martirio» circular pola N-120 e lembrou que esta estrada «non ten alternativa posible» para acceder á capital provincial, a Santiago ou ao resto de Galicia. Sinalou que os valdeorreses necesitan desprazarse por ela para acudir ao hospital, estudar, traballar ou facer xestións, e denunciou que moitos tramos presentan un firme deteriorado, escasos carrís de adiantamento e unha perigosidade crecente. «Hai puntos onde se acumulan máis de 28 quilómetros de liña continua, o que obriga a circular detrás de vehículos pesados sen posibilidade de adiantar», exemplificou.
Durante a súa intervención, o deputado nacionalista advertiu de que a situación da N-120 supón un lastre para o desenvolvemento económico da comarca. «Estamos a falar dunha zona con actividade mineira, vitivinícola, de servizos e construción, que depende desta vía para o transporte de mercadorías e bens de consumo», explicou. Fernández lembrou que Valdeorras, con nove concellos e máis de 25.000 habitantes, é a segunda comarca máis poboada da provincia e, malia perder case 2.000 veciños na última década, mantén unha importante resistencia ao declive demográfico.
A proposta aprobada insta á Xunta a demandar do Goberno central tres medidas concretas: acometer a mellora integral da N-120, licitar en 2025 as obras do proxecto de terceiro carril entre Ourense e Nogueira de Ramuín —aprobado en 2023 pero aínda sen contratar— e reservar nos Orzamentos Xerais do Estado os fondos necesarios para executar estas actuacións.
Fernández agradeceu o respaldo dos grupos parlamentarios pero pediu á Xunta que se implique máis activamente. «Sabemos que non é a súa competencia directa, pero si é a súa responsabilidade defender unha infraestrutura clave para esta comarca», afirmou. E lembrou que, malia os anuncios feitos polo Ministerio de Transportes, as obras seguen sen iniciarse. «Non serve poñer como escusa a paralización da A-76; a N-120 necesita solucións xa», concluíu.