
O goloso mamífero rolda a vila dende fai un par de semanas
A presenza dun imponente mamífero ten co corazón nun puño a montañeiros e habitantes de Casaio; dende fai un par de semanas lévanse sucedendo os indicios de que un oso pardo podería roldar a vila. O animal fíxose notar nas zonas de Mormiau e Romiña, deixando as súas pegadas nunha canteira de pizarra.
A presenza do plantígrado podería ser máis habitual na nosa zona do que cremos. Segundo a Consellería de Medio Ambiente, "no que vai de ano tivemos varios indicios de presenza de oso en tres localizacións dos seguintes concellos: Vilamartín, Vilariño de Conso e Carballeda".
As manifestacións do oso na comarca non son algo anormal. Valdeorras sitúase na zona límite da distribución do oso cantábrico, na fronteira con Lugo e León. Unha fronteira que non parece importarlle ó mamífero.
A consellería congratúlase: "é unha boa noticia que os exemplares subadultos exploren futuras localizacións para instalarse e localizar hábitats favorábeis para a súa expansión".
Non hai que temer en exceso a presenza do curmán de Winnie the Pooh. Dende a Fundación Oso Pardo aseguran que, a diferenza dos osos americanos, o oso cantábrico ten un talante pacífico polo xeral.
Iso si, tamén advirten de que iso non quita de que se poidan dar ataques a humanos: "non hai que esquecer que os osos son animais grandes e ben armados, polo que non debemos desdeñar a súa ameaza". Especialmente se están coas crías ou están feridos; en definitiva, se se ven en perigo.
En caso de atoparse cun oso, dende a fundación aconsellan manter a calma e retirarse tranquilamente sen movementos bruscos. Nada de achegarse, non teñen nada de amorosos. Tampouco lle berren; iso, mellor nas películas.
Unha reportaxe de Isaac Cruz.
Fotos cedidas