
Organizadas por especialistas de Atención Primaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Ourense acollerá os vindeiros días 5 e 6 de novembro as "V Xornadas de Medicina Rural" congreso de carácter nacional da Sociedade Española de Medicina Familiar e Comunitaria (SEMFYC) que a pandemia suspendeu en 2020 e agora, por fin de xeito presencial, e co lema "Retomando o Camiño" reunirá no Centro Cultural Marcos Valcarcel a médicos e residentes en formación de todo o país.
En dous días de intensa programación, 240 profesionais de medicina familiar e comunitaria de todos os servizos de saúde de España -que agotaron as inscricións nos primeiros días- afondarán as distintas respostas a problemáticas comúns no medio rural, non só de tipo sanitario, senón de infraestruturas ou servizos, ou a falta deles, e como esta realidade afecta á asistencia sanitaria.
Cristina Margusino, presidenta do comité organizador, destaca problemas como comunicacións ou transportes, habituais no medio rural de todo o estado, efectan aos pacientes á hora de acudir a consulta, ou a realizar unha proba diagnóstica no centro de saúde ou hospital.
En Galicia "están moi avanzadas algunas fórmulas que solventan ou diminúen estas dificultades", di, "desde a historia clínica electrónica á telemedicina con programas como Telea", e aposta por seguir avanzando.
Neste mesmo aspecto incidíu Mar Vazquez Salvado, directora asistencial da Área Sanitaria, que destacou que estas ferramentas posibilitan salvar estas dificultades de comunicación e destacou o uso que, cada vez mais, fan os profesionais das tecnoloxías da información, o que permite, por exemplo, combinar atencións presenciais e telefónicas, "para levar a medicina rural ao máximo nivel de calidade, grazas aos excelentes profesionais que a levan a cabo" destacou.