
A comarca de Valdeorras viviu na tarde deste xoves momentos de inquedanza ao observar unha nube de fume sen ter moi claro que era o que acontecía. Segundo fontes consultadas por este xornal, procede dun incendio declarado no municipio lucense de Pantón, en plena Ribeira Sacra. Numerosos veciños contactaron cos medios locais para interesarse pola súa orixe, lembrando con preocupación os graves lumes sufridos o pasado mes de agosto.
Segundo información da Consellería de Medio Rural, o lume iniciouse arredor das 14:15 horas na parroquia de Pombeiro e avanzou con rapidez, obrigando a activar a situación 2 de emerxencia polo risco para as vivendas do núcleo de Lornís. Máis de 80 hectáreas resultaron calcinadas, e as lapas chegaron a situarse a escasos metros do río Sil.
No operativo de extinción participan tres técnicos, nove axentes, 12 brigadas, 10 motobombas, dúas palas, así como oito helicópteros e outros tantos avións.
As altas temperaturas rexistradas na zona, que superan os 36 graos e que teñen motivado un aviso amarelo por calor no sur de Lugo, Ourense e tamén en Valdeorras, complican as tarefas dos servizos de emerxencia e incrementan a preocupación entre a cidadanía.