Entre viñedos, patrimonio e pedaladas: a Ruta Nacente percorreu Valdeorras dun xeito diferente
Os viñedos de Valdeorras convertéronse esta fin de semana no escenario dunha nova experiencia de cicloturismo organizada pola Ruta do Viño de Valdeorras. A proposta, bautizada como Ruta Nacente entre viñedos, reuniu a once participantes nun percorrido circular de 26 quilómetros entre os municipios de O Barco de Valdeorras e Rubiá, nunha xornada que mesturou deporte, paisaxe, patrimonio e enoturismo.
A saída e chegada realizouse no Hotel Monumento Pazo do Castro, onde posteriormente os asistentes compartiron unha comida para poñer o broche final á actividade.
A xerente da Ruta do Viño de Valdeorras, Cristina Núñez, explicou que «foi unha ruta moi chula de 26 quilómetros entre os municipios do Barco e Rubiá», destacando o carácter circular do percorrido e a boa acollida da proposta. «A metade do grupo viña de Ponferrada e Ourense e o resto completouse con xente da comarca», sinalou.
Durante a mañá, os participantes atravesaron diferentes puntos do territorio valdeorrés como Outarelo, Forcadela, O Val ou Repuricelo, descubrindo especialmente a riqueza paisaxística e vitivinícola do concello de Rubiá. «Sobre todo percorremos a zona de viñedos do Concello de Rubiá», apuntou Núñez.
A ruta continuou pola Serra ata baixar novamente cara ao Barco, pasando tamén pola contorna do Mosteiro de Xagoaza antes de regresar ao Pazo do Castro. A pesar de que a choiva fixo acto de presenza durante algúns momentos da xornada, o tempo acabou respectando a actividade. «Choveunos un pouco, pero a verdade é que o tempo acompañou bastante», comentou a responsable da organización.
A experiencia completouse cunha visita á adega O Cepado, onde os asistentes tiveron ocasión de coñecer os viñedos da zona de Prado Longo e participar nunha cata dos seus viños, entre eles o viño novo da adega.
A actividade volveu demostrar o potencial de Valdeorras para unir natureza, patrimonio, deporte e cultura do viño nunha mesma proposta turística. Unha maneira distinta de descubrir o territorio, pedalada a pedalada, entre paisaxes que xa forman parte da identidade da comarca.