
Coincidindo coa proximidade do 11 de febreiro, Día Internacional das Mulleres e Nenas na Ciencia, a Deputación de Ourense dedica este mes ás científicas da provincia dentro da súa campaña «8M, Mes a Mes».
O lema elixido para este mes é «Mulleres conCiencia», e a protagonista seleccionada para visibilizar o papel das mulleres neste ámbito é María Fernández González, doutora en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos pola Universidade de Vigo.
Unha traxectoria de compromiso coa ciencia e a sociedade
María Fernández González iniciou a súa formación en Enxeñería Técnica Agrícola no Campus Auga da Universidade de Vigo (Ourense). Segundo explica, escolleu esta carreira porque «non é só unha titulación técnica, senón que tamén permite axudar a diferentes colectivos de persoas».
Tras esta primeira etapa, ampliou os seus estudos coa Licenciatura en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, o Máster de Profesorado, o Máster en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e, finalmente, o Doutoramento en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos.

Desde o seu Traballo Fin de Carreira, estivo vinculada ao Departamento de Aerobioloxía da Facultade de Ciencias de Ourense, primeiro baixo a dirección de María Victoria Jato Rodríguez e, na actualidade, con Francisco Javier Rodríguez Rajo. María destaca a importancia desta etapa:
«Ambos brindáronme a oportunidade de coñecer como a investigación pode aplicarse a distintos sectores como a agricultura, a sanidade ou a sociedade en xeral, demostrando que desde a universidade podemos achegar o noso gran de area para mellorar o mundo que nos rodea.»
Ademais, colabora activamente coa Universidade de Vigo para fomentar a participación feminina nas carreiras STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Artes e Matemáticas), impulsando vocacións científicas entre as novas xeracións.
O «Efecto Matilda»: un recordatorio da invisibilización das mulleres na ciencia
Ao longo da historia, moitas científicas viron os seus logros minimizados ou atribuídos a compañeiros homes, un fenómeno coñecido como «Efecto Matilda». Entre as afectadas por este sesgo de xénero figuran figuras como Rosalind Franklin, Lise Meitner, María Antonia Zorraquino ou Margarita Salas.
Para combater esta inxustiza e seguir rompendo barreiras, a Deputación de Ourense dedica este 8 de febreiro a recoñecer o traballo e a contribución das mulleres científicas da provincia, reafirmando o seu compromiso coa igualdade no ámbito da investigación e o coñecemento.