A Deputación de Ourense continúa reforzando o seu apoio ao deporte, ao rural e ao benestar animal. A Xunta de Goberno da institución provincial aprobou este luns un paquete de acordos que mobilizará un total de 220.397,81 euros destinados á formación deportiva, á cooperación municipal e ao apoio das asociacións de protección animal.
Entre as medidas máis destacadas figura a creación dunha nova liña de subvencións para a formación de técnicos deportivos, dotada con 20.000 euros. A iniciativa está pensada para facilitar que persoas vinculadas aos clubs deportivos da provincia poidan obter titulacións de monitor ou técnico deportivo, así como ampliar os seus coñecementos mediante cursos, seminarios e outras accións formativas especializadas.
O presidente da Deputación, Luis Menor, destacou que esta convocatoria pretende fortalecer o deporte de base desde unha perspectiva integral. «O deporte non se constrúe só cos éxitos dos deportistas. Detrás de cada club e de cada canteira hai profesionais que forman, acompañan e transmiten valores. Investir na súa formación é investir no futuro do deporte ourensán», sinalou.
A nova liña de axudas busca tamén reforzar as estruturas técnicas dos clubs da provincia, especialmente naquelas disciplinas que teñen máis dificultades para incorporar persoal cualificado.
Apoio ás asociacións de protección animal
A Xunta de Goberno deu luz verde tamén a unha convocatoria de subvencións destinada ás asociacións de protección animal que colaboran na xestión dos animais procedentes dos centros de acollida da rede provincial.
Esta liña contará cun orzamento de 25.000 euros e ten como obxectivo contribuír ao funcionamento destas entidades e ao coidado dos animais que atenden diariamente.
Investimentos para o rural
A maior parte dos fondos aprobados, un total de 175.397,81 euros, destinaranse á cooperación municipal e á mellora de infraestruturas en distintos concellos da provincia.
Entre os beneficiarios atópase o concello de Larouco, que recibirá 104.097,81 euros para actuacións de mellora de instalacións municipais e dun vial. Pola súa banda, O Bolo contará con 21.300 euros destinados á mellora viaria, para actuar nun camiño do núcleo de Valbuxán. Finalmente, Cenlle disporá de 40.000 euros para a mellora de camiños rurais en Barbantes.
Luis Menor lembrou que a cooperación cos concellos segue sendo unha das funcións esenciais das deputacións provinciais. «A cooperación municipal continúa a ser a principal razón de ser dunha deputación provincial», afirmou.
O presidente provincial subliñou ademais que este tipo de actuacións contribúen a mellorar os servizos públicos, reforzar a calidade de vida da veciñanza e favorecer a fixación de poboación no rural, un dos grandes retos aos que se enfrontan moitos municipios ourensáns.
Con estas medidas, a Deputación de Ourense reforza o seu compromiso co desenvolvemento da provincia a través do apoio ao deporte, ao benestar animal e á mellora das infraestruturas locais.
