sábado. 20.04.2024
Axudas directas de ata 10.800€ para apoiar á mocidade na compra da vivenda habitual

A Xunta de Galicia acaba de convocar unha nova orde de axudas directas dirixida a apoiar á mocidade na adquisición da súa vivenda habitual en municipios cunha poboación que non supere os 10.000 habitantes. Os incentivos previstos poden chegar ata un máximo de 10.800 euros por inmoble, sempre que esta contía non supere o 20% do prezo da compra.

Así se recolle na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia na que se detallan as bases reguladoras e os requisitos que terán que cumprir os interesados para acceder a estas axudas, que se poderán solicitar a partir de mañá e ata o vindeiro 30 de setembro, preferiblemente por vía electrónica.

En concreto, o programa vai dirixido a persoas de entre 18 e 35 anos, unha das franxas de poboación que adoita ter máis dificultades económicas á hora de acceder a unha vivenda en propiedade.

Ademais, para poder beneficiarse terán que acreditar que as rendas anuais de todos os membros da unidade de convivencia son iguais ou inferiores a 3 veces o IPREM (23.725,8 euros), aínda que o límite subirá ata 4 ou 5 veces en caso de que concorran determinadas circunstancias fixadas na propia convocatoria.

Cun orzamento para este ano de 2,55 millóns de euros, estes incentivos á compra de vivenda poderán solicitarse sempre que o inmoble estea localizado nalgún dos 257 municipios galegos cunha poboación inferior a 10.000 habitantes —o 82% do total—.

Máis alá da súa localización, outro dos requisitos para acceder ao programa é que o prezo de adquisición da vivenda —que terá que estar xa construída, con independencia de que sexa nova ou usada— non supere os 120.000 euros e que a operación de compra-venda se realizara con posterioridade ao 1 de xaneiro deste ano.

En todo caso, nas bases tamén se prevé a posibilidade de que aquelas persoas que solicitaran en 2021 unha axuda para comprar vivenda e non a recibiron por esgotamento dos fondos, poidan acollerse á convocatoria deste ano presentando unha nova solicitude.

Neste sentido, cómpre subliñar que ao redor de medio cento de mozos galegos quedaron nesta situación en 2021 polo que o obxectivo é ofrecerlles unha nova oportunidade de poder optar a unha axuda directa de ata 10.800 euros.

Por último, cómpre engadir que estas subvencións serán compatibles con aquelas destinadas ao mesmo fin sempre que as outorgue calquera outra institución pública ou privada diferente da Xunta.

Preto de 107 millóns de euros 

Estes incentivos á mocidade para a adquisición da vivenda habitual en municipios de ata 10.000 habitantes enmárcanse no novo Plan para o acceso á vivenda 2022-2025, asinado o mes pasado e que se desenvolverá a través de 7 liñas de axudas e medidas diferentes por un importe global de preto de 107 millóns de euros.

De feito, este é o segundo programa que se convoca na Comunidade desde entón, logo de que a mediados de xullo saíra publicado o bono de alugueiro social, unha prestación para garantir o pago da vivenda habitual de colectivos vulnerables que dará continuidade ao bono implantado polo Goberno galego co mesmo fin no ano 2015.

Cun orzamento de 11,2 millóns de euros para novas concesións e outros 3,7 millóns destinados a pagar os bonos xa activos, a Xunta cubrirá así o 100% da renda do alugueiro de persoas afectadas por desafiuzamentos ou execucións hipotecarias, vítimas de violencia de xénero ou colectivos en situación de emerxencia social, entre outros.

Entre os programas pendentes de convocatoria están tamén as axudas directas ao alugueiro, cun orzamento de 12,5 millóns de euros e dirixidas a persoas cuxos ingresos non superen 3 veces o Iprem; e o programa de mellora da accesibilidade en e ás vivendas, que porá á disposición dos propietarios 3,9 millóns para financiar obras que fagan máis accesibles os seus inmobles grazas a axudas de ata 21.000 euros.

En canto ás outras tres liñas de actuación enmarcadas no referido plan, unha delas será o programa de incremento do parque público de vivendas, que non require de convocatoria xa que os 8,3 millóns de euros dispoñibles destinaranse a que o Instituto Galego da Vivenda e Solo compre inmobles que xa ten cedidos por Abanca e a Sareb.

As dúas restantes axudas, totalmente novidosas, convocaranse en decembro e van dirixidas, por un lado, a promover aloxamentos ou vivendas para persoas maiores ou con algunha discapacidade, cun orzamento de 4 millóns; e por outro, ao fomento de solucións residenciais, como vivendas cooperativas interxeneracionais ou cohousing, aloxamentos temporais e similares, cunha partida consignada de 8,3 millóns de euros.

Axudas directas de ata 10.800€ para apoiar á mocidade na compra da vivenda habitual