domingo. 24.08.2025

Os lumes non dan tregua en Valdeorras: Casaio segue activo e a presión chega dende La Baña

A provincia mantén a Situación 2: Chandrexa de Queixa e Larouco están estabilizados; o foco de Casaio, con arredor de 4.000 hectáreas, preocupa pola súa evolución cara San Xil e a Cidade da Selva

somoscomarca_carballeda_incendio_casaio
Foto Cedida

O lume continúa a castigar a comarca. O incendio de Carballeda de Valdeorras (parroquia de Casaio) segue activo desde o luns 18 ás 18.42 h e, segundo estimacións provisionais, afecta arredor de 4.000 ha tras entrar en Galicia dende Castela e León.

O avance, pola marxe esquerda da conca do río San Xil, chegou á Cidade da Selva e preocupa a zona da ermida. A veciñanza alerta de moito fume que se nota no val do Sil e asegura que «o lume que vén da Baña queimou a zona dos Lagos e pasou para o noso lado». Onte a noite unha mensaxe dicía que «o frente de máis de 7 km que está baixando polo val das Morteiras e o val da Bruña.

A boa nova chega de Chandrexa de Queixa e Larouco, xa estabilizados, aínda que non se pode cantar vitoria ata a extinción. Mantense decretada a Situación 2 en toda a provincia, o que activa máis medios, alonga horarios e axiliza a coordinación coa UME.

Esta é a situación segundo o parte da Conselleria do Medio Rural enviada aos medios:

Carballeda de Valdeorras–Casaio (activo)

  •  Estímase unha superficie afectada de ~4.000 ha.
  • Medios acumulados: 6 técnicos, 37 axentes, 63 brigadas, 28 motobombas, 4 pás, 12 helicópteros e 11 avións.

Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso–Mormentelos (activo)

Aínda que está activo a evolución favorable. Os focos de Requeixo e Parafita están estabilizados.

  • Inicio: venres 8 (Requeixo) e martes 12 (Parafita); reactivación en Mormentelos o xoves 14.
  • Estimación provisional: ~19.000 ha entre Chandrexa e os concellos de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza.
  • Medios acumulados: 23 técnicos, 165 axentes, 223 brigadas, 118 motobombas, 19 pás, 17 unidades técnicas de apoio, 34 helicópteros e 29 avións. UME mobilizada.

Larouco–Seadur (estabilizado)

  • Iniciado o mércores 13 ás 18.55 h; estabilizado ás 11.25 h do sábado.
  • Estimación provisional: >30.000 ha en Larouco, Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras.
  • Medios acumulados: 53 técnicos, 232 axentes, 308 brigadas, 241 motobombas, 12 pás, 6 unidades técnicas de apoio, 14 helicópteros e 15 avións. UME mobilizada.

A Baña (Encinedo, León) – avance do incendio de Porto (nivel 2 do IGR)

  •  “Fortes reactivacións” polo vento e as altas temperaturas.
  • Desaloxadas sobre 300 persoas o sábado ao mediodía por unha evolución rápida cara á poboación.
  • O traballo con medios aéreos e maquinaria afastou o frente e dirixiuno cara a zona de canteiras ao oeste.

Marco provincial – Situación 2

Isto supón máis medios e recursos da Xunta e do resto de administracións, ampliación de horarios do persoal e axilización de trámites, especialmente coa UME.

Os lumes non dan tregua en Valdeorras: Casaio segue activo e a presión chega dende La Baña