viernes 28/1/22

A vivenda debe estar nun centro histórico ou nun concello de menos de 5.000 habitantes

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará este ano case un millón de euros a axudas para a adquisición de vivenda por parte de menores de 35 anos, cando a compra se efectúe en concellos de menos de 5.00 habitantes ou nalgún dos centros históricos galegos.



O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola que se procede á convocatoria destas axudas, que se poderán solicitar ata o 30 de setembro, salvo que antes de esgote o orzamento. Do total, 800.000 euros irán destinados ás axudas para adquisición de vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes e 102.700 euros á adquisición de vivenda en centros históricos.

O importe da axuda será do 20% do custe da vivenda, cun máximo de 10.800 euros. Este límite máximo incrementase ata 12.800 se a adquisición se realiza nun centro histórico emprazado nalgunha das sete grandes cidades galegas. No suposto de que a vivenda sexa adquirida por máis dun propietario repartirase o citado importe en función da porcentaxe da cota adquirida.

Polo que respecta ás vivendas, estas deberán cumprir as seguintes condicións. No caso da axuda para adquisición de vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes, ademais do emprazamento, o prezo de adquisición da vivenda, incluídos os seus anexos, sen os gastos e tributos inherentes a ela, será igual ou inferior a 100.000 euros.

Mentres que no caso do programa para a adquisición de vivenda en centros históricos, avivenda estará situada no ámbito dun centro histórico dos citados no anexo da Orde do 1 de marzo de 2018, e non superará o prezo máximo previsto para as vivendas de protección autonómica (réxime concertado) computando unha superficie útil de 120 m2. No caso de que a vivenda estea nunha das sete grandes cidades aplicaranse os prezos correspondentes aos municipios de prezo máximo superior e no resto de concellos os da área 1.

Nos dous casos deberá de tratarse dunha vivenda xa construída. Para estes efectos, admitiranse tanto as vivendas novas como as usadas.Cómpre lembrar que o IGVS creou as axudas para adquisición de vivenda por menores de 35 anos en concellos de menos de 5.000 habitantes no ano 2018 e, un ano despois en 2019, o programa dirixido a este colectivo para centros históricos. Dende entón xa se concederon en total 229 axudas para adquisición de vivenda, por un importe de preto de 1,54 millóns de euros.

Axudas de ata 12.800€ para os menores de 35 anos que deseen adquirir una vivenda