
O tradicional concerto da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense ofrecerá o seu tradicional concerto do Nadal deste ano, en Valdeorras. Será o día 27 de decembro, ás 18.30 horas, na Igrexa de Larouco, en homenaxe ás Canteiras da Seitura de Lentellais do Bolo.
A presentación deste evento musical tivo lugar hoxe martes día 18 de decembro, no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, o director da Real Banda de Gaitas, Xosé Lois Foxo, o cantautor, Emilio Rúa, o alcalde de Larouco, Joaquín Prieto, e o delegado episcopal para a Vida Consagrada, Jorge Juan Pérez.
O vicepresidente do goberno provincial destacou o labor que realiza a Real Banda de Gaitas «espallando a nosa música por diferentes municipios da nosa provincia nestas datas tan sinaladas», e tamén salientou o papel que exerce a Real como «embaixadora da cultura de Ourense e de Galicia» e a súa «defensa polas nosas tradicións».
No concerto tamén participarán a gaiteira procedente de Irán, Liana Sharifian, o cantautor ourensán Emilio Rúa, e a Escola de Gaitas do Concello do Bolo. Nesta ocasión, as homenaxeadas serán as Cantareiras da Seitura de Lentellais do municipio do Bolo, «Antonia Fernández Prieto, Jacinta Prieto Alonso e Asunción Fernández Cueto, recibirán a medalla de ouro da Real Banda de Gaitas, por manter a nosa cultura no rural», explicou Xosé Lois Foxo.
Este evento musical, que leva a realizarse 33 anos, xa pasou polos municipios do Carballiño, Ourense, Xunqueira de Ambía, Celanova, entre outros concellos, e nesta ocasión «queremos levalo ao mundo rural, en concreto, á Igrexa de Larouco que é a catedral de Valdeorras», explicou o director da Real Banda de Gaitas.
Pola súa parte, o alcalde de Larouco dixo que para o seu municipio é un «orgullo acoller este concerto, porque a Real é un símbolo máis da ourensanía que traspasa as fronteiras» e convidou a tódolos ourensáns «a sumarse a esta celebración». Así mesmo, Jorge Juan Pérez manifestou o pracer da Delegación de poder colaborar coa Real Banda de Gaitas «que nos permite trasladar a mensaxe do Nadal e achegala a través do marco incomparable deste concerto».
O cantautor Emilio Rúa dixo tamén que se trataba da primeira vez que ía a actuar en Larouco e que interpretaría dúas fermosas cancións. Ao remate da presentación actuaron as cantareiras da Real Banda de Gaitas.