martes. 16.04.2024

Esta iniciativa piloto se desenvolverá inicialmente nas comarcas de Celanova e Valdeorras

 A Deputación de Ourense pon en marcha un proxecto piloto de formación para emprendemento no rural, que ten como obxectivo formar a persoas en idade de emprender para achegarlles ferramentas de xestión, prospección de mercados e posibilidades de autoemprego, para que poidan desenvolver o seu proxecto laboral no rural.



Estes aspectos foron analizaron hoxe, no Pazo Provincial, polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a empresaria de Barbadás Mónica Seara -nominada entre as 100 mulleres líderes en España- na reunión que mantiveron e na que tamén participou a deputada provincial de Reto Demográfico, Luz Doporto.

A iniciativa, que se desenvolverá inicialmente nas comarcas de Celanova e Valdeorras, conta coa participación de Humanas Salud Organizacional, empresa creada en 2014 no concello de Barbadás e liderada por Mónica Seara. O proxecto consiste nunha formación amplamente demandada que se realiza por primeira vez na provincia de Ourense. O período formativo terá unha primeira fase de 80 horas de duración con actividades formativas dirixidas a persoas en idade de emprender que queiran desenvolver o seu proxecto laboral no rural.

O programa é gratuíto e está financiado pola Deputación de Ourense, «o que supón un exemplo máis da aposta do goberno provincial pola valorización do rural e o impulso da súa competitividade», expresa Manuel Baltar.

A etapa formativa abrangue os meses de marzo e abril, e ademais durante a formación os alumnos coñecerán as posibilidades de autoemprego que ofrece o programa EmprendOU da Deputación de Ourense. A parte teórico-práctica do programa estará ligada a convenios con empresas de selección de persoal da provincia de Ourense, así como a un estudo dos postos máis demandados na provincia.

Entre as materias que se abordarán na formación figuran a prospección de mercados, os plans de busca de emprego, aspectos psicolóxicos e técnicos sobre emprendemento e “marca persoal”, así como o plan de negocios dunha empresa.

A Deputación pon en marcha un proxecto de formación para emprendemento rural