viernes. 06.06.2025
Vilamartín

De troula no desfile de disfraces de Entroido en Vilamartín

Co sol brillando no medio dun ceo azul e os lardeiros sinalando a saída, os veciños de Vilamartín de Valdeorras desfilaban polas rúas da vila a ritmo de bombos de folión. Traxes de cores inundaban o camiño que levaba aos entroidos dende a zona da Rodeleira, da que partiron ás 17.00 horas, ata as Covas de Cerdeirais, onde un escenario esperaba a que empezase a troula.

A Asociación de Coveiros, o Folión Os Viticultores e a Asociación de Mulleres Rurais Cima de Vila foron os encargados de guia-los veciños nesta andaina, amenizada pola música de instrumentos tradicionais.

Durante a celebración, tamen houbo tempo para as reivindicacións. No desfile, podíase ver un gran cartel que recordaba a petición dos valdeorreses e valdeorresas para que se lle dediquen as Letras Galegas de 2019 ao poeta e escritor vilamartinés, Florencio Delgado Gurriarán.

Arredor das 19.00 horas, o pobo reuníase en Cerdeirais para disfrutar dunha actuación teatral da man das distintas agrupacións organizadoras. Ademais, un grupo musical encargaríase de amenizar o resto da velada, ata fin de festa.

Cativos e maiores gozaron así deste sábado de Entroido, que é so o comezo desta tradicional festa ancestral que non remata ata o vindeiro Mércores de Cinza.

 

De troula no desfile de disfraces de Entroido en Vilamartín