viernes. 22.09.2023
O Barco

Valdeorras conta aos seus cativos a súa propia historia

Historiadores, mestres e ilustradores da comarca presentan o libro Valdeorras, o noso tesouro

A historia de Valdeorras, contada polos que máis saben, adaptando o seu discurso aos máis pequenos da comarca, xa é unha realidade en forma de libro, o que leva por título Valdeorras, o noso tesouro. Detrás da súa creación, nomes coma o do historiador Antonio Castro Voces, Alfredo Guitián, Pablo Fernández e David Vázquez que, xunto cos ilustradores Patricia Fernández e Juan José Albares Arias, deron forma a una obra que leva tantos coma sete anos «en estado embrionario». Así o destacaba o mestre e concelleiro Aurentino Alonso, na presentación do acto na mañá do 6 de xuño, ao que asistiron nenos e nenas dos cursos de 6º de Primaria e 1º da ESO de todos os centros de ensino do Barco.

Público asistente ao acto de presentación do libro.

«Hoxe para mín é un día moi feliz porque sae á luz un libro que levamos moito tempo agardando pero mereceu a pena; o verdadeiro tesouro é o propio libro», destacou Aurentino Alonso. Dirixíase así aos nenos e nenas que escoitaban sentados nas butacas do Teatro Lauro Olmo a quenes invitaba a descubrir «a riqueza da comarca de Valdeorras que se agocha detrás de cada páxina». Porque no fondo, trátase de coñecer o noso para defendelo e preservalo no tempo.

O obxectivo inicial da obra, recordou o historiador local Antonio Castro Voces, non foi outro que «dotar, tanto a mestres coma a alumnos, dunha ferramenta de traballo que lles fixese máis doado o coñecemento dos aspectos máis destacados da nosa comarca, dende fai miles de anos ata hoxe». Algo que, resultará igualmente interesante tanto a nenos coma a maiores, por iso de erixirse coma un libro «imprescindible nas aulas dos colexios». De feito, tendo presente os seus destinatarios, «buscamos non aburrir, que fose un útil de traballo para entender o acontecer histórico ao longo dos séculos», explicou Castro Voces.

David Vázquez, Antonio Castro Voces, Alfredo Guitián, Pablo Fernández e Aurentino Alonso.

Porque é certo que, o máis importante da salida á luz desta obra, é o que os rapaces aprenderán sobre a súa propia historia «coma os que o fixemos tamén aprendimos», asegurou o mestre David Vázquez. A única forma de «sentirvos orgullosos de ser valdeorreses».

Valdeorras conta aos seus cativos a súa propia historia