jueves. 30.10.2025

O Barco celebra un Samaín cheo de actividades para todos os públicos e berros

A concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, destaca unha programación ampla «para poñer en valor as nosas tradicións fronte ao Halloween»

O Concello do Barco de Valdeorras prepárase para vivir unha intensa fin de semana de Samaín cunha programación chea de propostas para todas as idades. A concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, adiantou en +D1 Valdeorras que este ano «tiramos a casa pola ventá», cun conxunto de actividades que mesturan cinema, xogos, contacontos, talleres e festas infantís.

O xoves 31 de outubro, a xornada comezará cunha aventura para os máis pequenos organizada en colaboración co Centro Comercial Aberto (CCA). Dende as cinco da tarde, os nenos e nenas poderán recoller na Praza do Concello as súas bolsas para percorrer os establecementos asociados en busca de doces e pequenas sorpresas. «Non todo serán lambetadas, haberá tamén premios especiais», explicou Pizcueta. O percorrido rematará ás sete e media coa entrega de premios e actividades de animación, incluíndo pintacaras.

Xa pola noite, terá lugar o clásico “Noite de medo na Biblioteca”, unha das citas máis agardadas do Samaín barquense. Só 25 afortunados poderán participar nesta experiencia exclusiva, con cea terrorífica, xogos e un Trivial sobre as figuras máis misteriosas do imaxinario galego. «É unha actividade pensada só para nenos, os adultos non están permitidos», comentou entre risas a concelleira.

Paralelamente, ás oito da tarde, o Teatro Lauro Olmo acollerá o espectáculo de contos de medo da recoñecida narradora Soledad Felloza, dirixido a público familiar.

O sábado 1 de novembro, a Praza do Concello converterase no epicentro da Festa Infantil do Samaín, cunha disco móbil, un concurso de berros terroríficos, talleres de chapas e un fotocall. «Vai ser moi liberador, eu mesma podería participar no concurso de berros», bromeou Pizcueta.

A programación pecharase o domingo 2, coa tradicional Carreira dos Santiños, que por primeira vez contará cunha categoría infantil. As inscricións faranse no pavillón de Calabagueiros ás 11:00 horas e as probas comezarán ás 12:00.

Margarida Pizcueta aproveitou para reivindicar o valor das tradicións galegas: «O Samaín é algo noso, vén de aquí, de Galicia e de Irlanda. O Halloween chegou despois, pero queremos que os nenos saiban que temos unha tradición propia e que non se perda».

A concelleira agradeceu tamén a colaboración do Centro Comercial Aberto, que modificou as súas datas para permitir un programa máis amplo e coordinado.

«Ter medo está ben, pero sen terro», concluíu Pizcueta, destacando o espírito festivo e familiar dun Samaín que promete encher O Barco de vida, tradición e moita diversión.

O Barco celebra un Samaín cheo de actividades para todos os públicos e berros