Samaín encheu as rúas do Barco de meigas, trasnos, esqueletos, vampiros, mortos viventes e demais seres horribles que daban moito medo. A decoración nas tendas deixou ver que era unha noite especial, o laranxa encheu os escaparates de cor, as cabazas apropiáronse de un cento de recantos nas tendas e as teas de araña cubriron as portas. Houbo festas de disfraces de medo en varias locais de hostelería e nenos deambulando polas rúas e entrando nos comercios co saúdo «truco ou trato».
Desde O Concello tamén se fixeron varias actividades, todas elas centradas na biblioteca e nos seus arredores. Comezaron na tarde do 30 de outubro coa charla de Rafael López Loureiro, «un dos maiores estudosos do Samaín que este ano temos a sorte de que veña a falar desta tradición moi galega e moi nosa, ensombrecida polo Halloween americano que nos chega de rebote, porque fomos os galegos os que a levamos a América», aclarou Margarida Pizcueta na presentación das actividades para esta festa.
Os actos continuaron na biblioteca o mércores, 31 de outubro cunha «Festa de Medo». Ás 18:00 horas, comezaron as maquillaxes terroríficas . «Relacionamos o Samaín ca biblioteca porque naceu neste lugar como unha actividade de animación hai tres anos e a verdade é que resultou tan divertida e interesante que decidimos repetir; a min gústame que os nenos veñan á biblioteca non só a estudiar», argumentou Pizcueta na presentación.
Na festa biblioteca ademais de pintacaras, xogos e diversión fíxose un concurso de disfraces con premios para o disfraz máis orixinal e para o disfraz que máis medo deu. O premio consistiu en dúas entradas, unha para adultos e outra para nenos, para participar no Megajump da Coruña. Os máis valentes quedaron a durmir na biblioteca.
A partires das 20.00 horas houbo contacontos dirixidos e representados polos alumnos do grupo de teatro do IES Martaguisela do Barco. Completouse as actividades coa actuación de malabares de Guti no templete da praza José Otero.
A programación do Samaín completarase coa actuación do grupo de teatro canario Abubukaka o día 3 de novembro ás 20.00 horas, coa obra Drácula no Teatro Lauro Olmo e a exposición sobre personaxes de medo e do mundo fantástico da literatura galega que se poderá ver na biblioteca. O domingo día 11 de novembro levarase a cabo a celebración do tradicional magosto as 18:00 horas na praza de Viloira.