sábado. 14.06.2025

Castro Voces: «As mulleres de Petín deixaron o seu testimonio de fortaleza na historia»

Era 1809. As tropas francesas invadiran o territorio español na Guerra da Independencia, e os soldados achegábanse á comarca «polo Bierzo, dende Astorga, perseguindo as tropas angloespañolas». Así comeza o relato do historiador Antonio Castro Voces cando fala desta época da historia española referida o noso territorio. «Unha parte desas tropas continuou o camiño á Coruña polo Cebreiro; outros, polo val de Valdeorras en dirección Ourense para chegar ás costas de Vigo», continúa.

Xa estaban no noso territorio. E chegarían para quedarse, sobre quince días de estancia que aproveitaron para sembrar o pánico e o terror na zona. «Temos casos moi rechamantes como o de voar o arco da ponte de Sobradelo, en Carballeda, ou algún episodio violento no Barco». Tras aquela primeira estancia, continúan camiño hacia Trives e logo a Ourense, sempre perseguindo as tropas españolas, pero aínda quedaría a volta.

Arco central da ponte de Sobradelo, Carballeda de Valdeorras.

«Volven dende A Coruña, despois da famosa Batalla de Elviña, na primeira quincena do mes de xuño do mesmo ano», conta Castro Voces. A súa intención era a de marcharse pola zona do Santuario das Ermitas hacia Zamora. Pero antes de facelo, protagonizarían «unha auténtica masacre». «Na zona Larouco» relata, «onde chegan dende Quiroga, matan a 17 veciños; en Seadur tentan queimar o pobo e matan a 12 ou 13 persoas».

Tras varias e continuas correrías nos distintos pobos da comarca, nas que impoñen a súa propia lei, chegan a Petín, «onde foron especialmente virulentos queimando un montón de casas, unha ermita e matando algúns dos seus veciños». Pero atopan unha oposición inesperada, a que protagonizan as mulleres da vila. «Ahí sairon as mozas de Petín sin importarlle en absoluto non ter nin armamento, nin cabalo, nin estar preparadas para loitar coma eles; lles plantaron cara». Así, conta Castro Voces, foi como xurdiu «o berro de guerra que aún se recorda, un dos máis significativos da comarca, Petín pitou pero por aquí non pasou». Aquela loita tan desigual pasou á historia e as mulleres de Petín «deixaron o seu testimonio garra e fortaleza ante a gran invasión francesa».

Mulleres de Petín na recreación da Feira de 1812 do ano 2018

Deixando atrás Valdeorras, as sanguinarias tropas francesas chegarían Ás Ermitas, «convertindo o santuario en cuadra dos seus cabalos, ata que finalmente marcharon pola zona de Sanabria dirección Zamora».

Para escoitar a sección completa de Antonio Castro Voces, faga click na seguinte ligazón:

Castro Voces: «As mulleres de Petín deixaron o seu testimonio de fortaleza na historia»