
Dentro de 15 días arrinca a XIII edición da Primavera de Portas Abertas. «É a primeira vez que participan trece adegas de Valdeorras, catro máis que os anos anteriores». Joaquín Sánchez, presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, deu os detalles desta actividade, que se vai inaugurar o venres día 3 ás 20:00 horas no pazo do Castro «onde haberá petiscos e viño».
Agárdase a visita «de moitísima xente. Os autobuses que ofertamos xa están completos». Chegarán dende Ponferrada, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago e A Coruña. «Agora a xente interesada en participar deberá facelo en transporte propio e concertar cita tamén coas adegas». Tamén está aberta a posibilidade de contactar coa Ruta do Viño de Valdeorras no 604 078 753.
As adegas que participan este ano son: A Coroa (A Rúa); Alan de Val (A Rúa); Adega da Pinguela (Carballal); Adega Melillas e Fillos (A Rúa); Adega O Casal (Rubiá); Adega O Cepado (Rubiá); Bioca (en San Paio, primeira vez que participa); Bodega Roandi (Éntoma); Bodegas Godeval (Xagoaza); Cova da Xabreira (Seadur); Joaquín Rebolledo (A Rúa); Sampayolo (San Paio); e Terriña (Petín). Esta última «é a primeira vez que abre as portas da adega e fai actividades de enoturismo».

«Non podemos aínda cifrar a cantidade de visitantes, pero chegaremos a un número importante de persoas que queren ver Valdeorras en conxunto, e non só as adegas». Este ano hai diversas actividades ademais das visitas ás adegas, como por exemplo «un Descubre Valdeorras, un showcooking, cantos de taberna, bautismo, e como novidade unha visita ás minas de wolframio dos alemáns».
Programa de actividades
«Debemos impulsar o potencial do enoturismo, histórico, turismo, e explotar o patrimonio paisaxístico que temos en Valdeorras, que é fora de serie». Para perseguir ese obxectivo, o programa deste ano comprende diversas iniciativas para todos os públicos, ademais das visitas ás adegas.
O sábado 4 de maio ás 11:00 horas terá lugar a actividade lúdico deportiva Descubre Valdeorras no concello da Rúa. Realizarase en grupos de catro e cinco persoas que recibirá un mapa con puntos marcados, onde atoparán preguntas que deberán realizar para avanzar. O percorrido rematará na Adega Melillas e Fillos cunha cata acompañada de petiscos. Terá un prezo de 15 euros por persoa.
O mesmo sábado realizarase o showcooking «Os praceres de Valdeorras» dirixido pola xefa de cociña Begoña Vázquez —do restaurante Regueiro da Cova— e por Jorge Mazaira —director técnico do Consello Regulador—. A actividade levarase a cabo na terraza cuberta do C.H Paladium a partir das 19:30 horas cun prezo de 25 euros por persoa.
Tanto o venres 3, o sábado 4 como o domingo 5 de maio terá lugar unha visita ao parque natural Serra Enciña da Lastra, en Rubiá. O parque conta cun gran número de «palas», covas, variedade de fauna e tamén de flora coa aciñeira como protagonista. O venres será ás 16:00 horas; e o sábado e o domingo ás 10:30 horas e ás 16:00. Esta actividade é libre e gratuita.
Estas son as actividades ofertadas pola Ruta do Viño de Valdeorras, ás que se lle suma outras organizadas pola Adega Roandi, pola empresa de servizos Valdeorras é viño; e polos establecementos Eco dos Teixos e A Tenda da Rita. Toda a información está dispoñible na páxina da Ruta do Viño de Valdeorras.
«Temos un patrimonio que hai que amosar»
«Unha das preocupacións máis importantes que temos agora é a posibilidade de recibir visitantes nas adegas, ter como unhas de garda». Refírese Joaquín Sánchez á idea de ampliar as ofertas de visitas a estes espazos «porque vemos que vén moita xente a coñecer a zona».
«Temos un patrimonio que hai que amosar e que por falta de medios non o facemos como nos gostaría». As adegas que actualmente están abertas ao público son A Coroa, Alan de Val, Godeval, Roandi e Rebolledo «pero recomendo á xente contactar antes».
Ao fío da necesidade de impulsar o patrimonio e amosalo, continúa a polémica tras a noticia de que Valladolid tentará explotar a uva Godello na D.O. Rueda. «É un tema que dende a Ruta non se avaliou aínda pero que levarei na próxima reunión». Joaquín Sánchez daba a súa opinión persoal como adegueiro e defendía que «Valdeorras é o berce do Godello e temos que poñelo en valor, sobre todo a orixe da uva».
Facía referencia tamén ás condicións que se dan na comarca para a elaboración desta variedade: «a nosa climatoloxía e os nosos solos é a especial para o Godello, por algo naceu en Valdeorras. Algo importante ademais é que as nosas cepas son maiores, e sempre van a dar un viño mellor».
Se quere escoitar a entrevista completa pode acceder ao seguinte enlace de audio: