Valdeorras convértese na capital do viño en Galicia durante esta primeira fin de semana da Primavera de Portas Abertas, onde participarán outras catro Denominacións de Orixe da Comunidade. Onte tiña lugar a inauguración do evento no Pazo do Castro por parte do presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez.
Unha Ruta do Viño que, en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia, pretende poñer en valor o enoturismo desta comarca e facer desta actividade unha fonte de recursos. Sobre todo, e segundo destacaba Joaquín Sánchez, o obxectivo primordial é «desestacionalizar o enoturismo e que a xente veña tamén ao interior de Galicia. Esta fin de semana sacaremos o mellor de nós».
Nesta edición, 15 serán as propostas que terán como finalidade «situar Valdeorras como destino enogastronómico de calidade». Finalidade que «compartimos con establecementos que se volcan para amosar a nosa paisaxe, natureza e tradicións», agradecía o presidente da Ruta do Viño de Valdeorras. «Tamén destacar as especialidades e os valores únicos de cada territorio de Valdeorras, con todas as súas varidades».

Autobuses coas prazas completas dende hai semanas chegan esta fin de semana a Valdeorras dende A Coruña, Santiago, Pontevedra, Vigo, Ourense e Ponferrada. «A todas as persoas que chegan de fóra lles desexo unha feliz estancia aquí, e que desfruten dos nosos viños. Iso sí, sempre con moderación», concluía, entre risas, Joaquín Sánchez.
Neste acto de inauguración tamén participaron o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; a delegada Especial en Valdeorras da Deputación de Ourense e alcaldesa de Carballeda, María Carmen González; e o alcalde do Barco, Alfredo García.
«Como valdeorrés é un orgullo ver canto cre Valdeorras no seu produto»
O primeiro deles, o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, situouse en primeira persoa, «como valdeorrés», para valorar «canto cre Valdeorras no seu produto, e pouco a pouco chegando a máis. É a alumna aventaxada porque non para de recibir xente, e para mostra as prazas completas desta fin de semana».
Incidiu ademais no potencial turístico do viño en Valdeorras e no feito de que «cada ano máis xente e establecementos participen. Vexo unha proxección forte e sinto pracer de ver como cada vez hai máis eventos para promover o enoturismo». Un turismo que, explicaba, «non só comercializa o viño, senón tamén o territorio e os nosos recursos».

Finalizaba a súa intervención destacando algunhas das partidas orzamentarias da Xunta de Galicia en materia de turismo, como unha «liña de axudas de cinco millóns de euros para adegueiros; ou outra dun millón para beneficiar aos nove concellos de Valdeorras en todo o que ten que ver cos recursos do territorio».
«Dende Carballeda ímonos adherir á Ruta do Viño de Valdeorras»
«Que bo título para unha boa terra como é Valdeorras, a entrada a Galicia». Así arrincaba a intervención da delegada Especial en Valdeorras da Deputación de Ourense e alcaldesa de Carballeda, María Carmen González, que "barreu para casa" defendendo o seu municipio.
Dicía que alí «son mineiros» pero queren «facer unha maridaxe cos viños do territorio. Para iso, anuncio que dende Carballeda ímonos adherir á Ruta do Viño, e espero que o próximo ano algunha actividade se realice alí». Destaca a rexedora que en Valdeorras «témolo todo: viño, auga, minas, patrimonio, gastronomía, cultura, etc».

Nomeaba como conclusión ao presidente da Deputación, Luis Menor, «quen está aquí hoxe tamén con nós no pensamento, dende o seu cariño e disposición para colaborar no que precisen».
«Podemos traer aos turistas, pero hai que darlles calidade, e aquí a temos»
Alfredo García, alcalde do Barco, puxo o punto e final a esta inauguración, e fíxoo enfocándose en «todo o que temos na comarca: natureza como a que máis, patrimonio, turismo industrial, pero sobre todo temos algo que non hai en ningún outro territorio de España». Referíase, dende logo, ao viño de Valdeorras.
«Esa é a clave, o motivo polo que estamos aquí». E ese plural ao que fixo referencia o rexedor responde tamén ao proxecto conxunto «dos nove concellos de Valdeorras, nove alcaldes que remamos na mesma dirección con esa importante partida orzamentaria da que falaba Xosé Manuel Merelles e que é moi importante para nós». Precisamente Alfredo García aproveitou a ocasión para «felicitar a Merelles polo seu cargo como Director Xeral de Turismo, estamos moi contentos».

Concluía o alcalde barquense que a finalidade é «darnos a coñecer, que é o grande problema que temos, pero cando veñen quedan pasmados. A máxima do turismo é onde comer e beber, e aquí temos donde comer e beber ben».
Con todo, unha fin de semana protagonizada polo viño e o patrimonio en Valdeorras, na que participarán 13 adegas por primeira vez. Toda a información está dispoñible na páxina web da Ruta do Viño de Valdeorras.